InicioCulturaVolve o Jazz a Lugo: “Se o público responde, seguimos adiante”

Volve o Jazz a Lugo: “Se o público responde, seguimos adiante”

Entrevista con Alberto Grandío, presidente da Asociación de Amigos do Jazz, que organiza 24 sesións musicais do 10 ao 18 de novembro

PUBLICADA O

- Advertisement -

Alberto Grandío é o responsable da mítica sala Clavicémbalo de Lugo e presidente da Asociación de Amigos do Jazz. Como cada ano dende 1991, esta agrupación trae á cidade o Festival de Jazz, un magno evento con vinte e dous actuacións, dúas sesións e dúas proxeccións nun programa que se estende do 10 ao 18 de novembro.

Cal é a historia da Asociación de Amigos do Jazz?

Empezou en 1991, a partir de xente ás que nos gustaba o jazz e faciamos concertos nesa época, no Clavicémbalo, no Auditorio. Cando comezamos co Festival de Jazz de Lugo en si, paramos de facelos, facemos só o Jazz e chega ben. En todo o ano non facemos nada, fai anos si que se facía un concerto ao mes, pero como o Festival foi medrando, deixamos de facer máis cousas, xa o Clavi fai cousas de jazz. 

Lugo ten fama, ou tiña fama, de escasa produción de música en directo. E aí o Clavicémbalo foi un oasis.

Nesa época si, aínda que hoxe en día hai moito grupo, non soamente musical, senón grupos de xente que apoia a música e organiza cousas. Cambiou moito o panorama, daquela o Clavi era un oasis porque non había outra cousa; o Concello programa concertos, pero nesa época non se programaba nada. Había uns folletos que saían semanalmente, da Xunta de Galicia… e en Lugo era Clavi, Clavi, Clavi. Non había outra cousa.

Cambiou a oferta de escenarios en Lugo?

En música en directo, dende o punto de vista legal, só está o Clavi. Hai algún local que fai algún concerto de vez en cando, pero con programación estable só o Clavicémbalo. Na provincia de Lugo! Está o grupo Campo Castelo, que fai os vermús, unha franxa horaria que é moi boa porque chega a un público ao que quizais non chega pola noite, e dalle vida á zona.

A única provincia que ten unha soa sala é Lugo. O Clavi, e nada máis. Houbo algunha en Monforte, pecharon, en Chantada, pecharon. Salas de música en directo, que consideramos cando fan un mínimo de trinta concertos en directo ao ano. É triste, é duro, pero é o que hai.

Pero é certo que Lugo ten as súas iniciativas. Falta cohesión na oferta cultural?

O mundo do folk ten moita xente preocupada polo tema. Hai moitas iniciativas, pero non sei ata que punto a cohesión é necesaria, ou se cada un vai polo seu lado.

É o modelo de subvencións sostible e indispensable? Os grandes fastivais están saíndo da iniciativa pública.

As dúas cousas. Indispensable porque un evento como por exemplo o noso, que ten un orzamento importante, non se pode soster co público. Á parte, os concellos teñen a obriga de apoiar a cultura. Por outra banda, o que achegan as administracións –Xunta, Deputación e Concello– non chega á metade do orzamento. O resto son aportacións privadas e entradas. Se as institucións públicas non o apoian, desaparece, directamente.

O Festival de Jazz ten xa unha entidade importante: vinte e dúas actuacións, dúas sesións de jazz, e dous documentais. Que pode atopar o público?

Hai de todo e hai cousas marabillosas, estilos moi diferentes. Tentamos meter todos os estilos para chegar a moito público dunha cidade pequena. Todo é interesante. Que falta no Festival de Jazz, para o meu gusto? Faltan concertos didácticos para os rapaces. Xa o tivemos máis anos, pero o orzamento de Educación reduciuse moitísimo e desapareceu. Tamén bandas de dixieland na rúa, para animar a cidade.

Hai un gusto especial en Lugo por este xénero?

Levamos vinte e oito anos e estamos sempre a tope nos diferentes espazos. Xente de Lugo, xente da Coruña, de Madrid, de Bilbao… sen público non hai festivais, e se o público responde, seguimos adiante.

En edicións pasadas pasaron por Lugo algúns artistas ben coñecidos, outros chamativos e que están por descubrir.

Facemos un festival en que aparecen estilos diferentes. Charles McPherson ten moito nome; Yellowjackets é un grupo histórico, trouxémolo en 2004, e non soemos repetir; David Murrray; Gilad Hekselman é un guitarrista israelí fantástico; descubrir a Fabrizio Bosso; a pianista australiana Sarah McKenzie vai gostar moitísimo; un proxecto galego como Nani García coa Banda Municipal da Coruña; Antonio Lizana, que está subindo moito, mesturando o jazz co flamenco; Eva Fernández, na Casa do Saber. Hai tantas cousas diferentes … a homenaxe a Marcus Miller…

E hai espazo para os documentais de Lee Morgan e Clark Terry.

Non quero descubrir nada, pero son interesantes. Terry, un trompetista moi enfermo, visita a un rapaz cego e deixa unha fermosa amizade, e gusto polo jazz. Son historias vivas.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...