InicioEconomíaAsí impacta a tecnoloxía na gandería de vacún de leite

Así impacta a tecnoloxía na gandería de vacún de leite

Seragro examina nas XVI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite o resultado da automatización en reprodución, alimento, saúde e muxido

PUBLICADA O

- Advertisement -

O primeiro día das XVI Xornadas Técnicas de Vacún de Leite presenciou un auditorio ateigado. Na Facultade de Veterinaria houbo espazo para a bioseguridade, as resistencias aos antibióticos, o aproveitamento dos xurros e as liñas mestras da nova Política Agraria Común. Mais a cerna do certame radicou na gandería de precisión, aspecto que desenvolveron os técnicos da cooperativa Seragro, entidade organizadora, e da que forman parte 1.500 gandeiros, a metade deles da provincia de Lugo.

Tencnoloxía no manexo reprodutivo

Federico Romero Yuste

Federico Romero Yuste examinou os elementos vencellados á detección do celo e a correcta xestación nas vacas. O control reprodutivo é vital para a economía das explotacións, nas que se está a impor o sistema electrónico para a medición da actividade das reses, do movemento, da rumia e da producción, esencialmente. Cantos máis parámetros de seguimento, maior efectividade.

O monitoreo permite acadar mellores resultados na detección do celo, ata o noventa por cento en certas explotacións, e do preñado, con incrementos de arredor do sete por cento con respecto aos métodos tradicionais. Porén, o fundamental son as condicións de estrés da vaca: Romero insistiu en que precisa espazo, camas abundantes, luz e ventilación para evitar o estrés calórico, casuística habitual en Galicia durante o verán.

Incidencias na saúde dos animais

Victor Fuentes Veiga

A segunda parte desta ronda rápida de conferencias correspondeu a Victor Fuentes Veiga, que achegou a análise de datos de podoloxía con novas tecnoloxías. A comparativa de resultados entre granxas permitiu identificar con abrumadora claridade os factores que afectan á saúde das vacas. Os casos estudados presentaban rangos moi grandes en canto a incidencias, solventables nun cincuenta por cento seguindo certas recomendacións, e reducindo en catro quintas partes as enfermidades infecciosas.

Así, o técnico de Seragro indicou a substitución do cubículo de goma por un de area, a instauración da rutina de baños, as secas en cama quente, e o axeitado tamaño dos patios; así como evitar as masificacións nas explotacións, cun número abondo de camas, patios e baños.

Automatización e big data no muxido

José Luis Míguez Vázquez

Do compoñente principal das explotacións de vacún de leite encargouse José Luis Míguez Vázquez. Incidiu na necesaria preparación do ordeño para diminuír o tempo, como tamén na informatización con medidores de fluxo. O responsable de calidade de Seragro explicou os avances en detección de mamite, doenza vencellada co sobremuxido.

Para evitar este problema, recomendou empregar un colector con muxido independente, adaptándose ás imperfeccións anatómicas de cada animal, e adicando atención á detección de eivas nos aparatos de ordeño robotizado. Ante todo, un bo manexo resulta primordial, con permisos de ordeño dilatados, e reducción na frecuencia de muxidos.

Outro aspecto é a necesaria mellora xenética, é dicir, a reprodución selectiva de animais nos que o robot ten un rendimento superior. Míguez recalcou que o banco de datos que ofrecen os robots é un valor engadido, un instrumento de traballo e non un substituto da función dos gandeiros. Por outra banda, agarda que novas xeracións  teñan máis facilidade con estes sistemas.

Rendimento do alimento

Albino Iglesias Varela
Albino Iglesias Varela

Albino Iglesias Varela expuso os experimentos con alimento, o elemento que pode condicionar a viabilidade da explotación e comprometer a saúde das vacas. O técnico de alimentación de Seragro disertou da tecnoloxía neste eido, para contrarrestar as prácticas erróneas e compensar tanto a sobrealimentación como a falta de apetito nos animais.

A receita de Iglesias baseouse no tempo e na paciencia, indispensables para a aplicación planificada, con hábito e xerarquización. Revisou a incidencia do tamaño dos lotes, dos espacios e bebedeiros, dos cepillos, camas e ventiladores, todo co gallo de reducir os conflitos e incentivar a correcta alimentación. Acerca do robot de arrimado, considerou que o investimento debe facerse só con conciencia do impacto que pode ter.

A xestión específica

A combinación dos datos para o goberno da granxa quedou para Patricia Gómez Presa, encargada da xestón técnica e económica en Seragro. As conclusións espertaron un rumor na bancada, pendente da comparativa entre a implementación dun grupo de xestión e o robot de ordeño. Baixo ámbolos modelos, o oitenta por cento dos ingresos proceden do leite. Así que a cuestión estaba no gasto.

O robot amosou maior eficiencia, arredor de trescentos euros por ano e vaca, amais da reducción na man de obra. Porén, supón alimentación máis cara e peor amortización. A sala informatizada ofreceu un mellor resultado xeral, cunha diferenza positiva de 231 euros por vaca e ano. Así as cousas, Gómez recomendou fixar escenarios de futuro e estudar as características da explotación antes de decidir en que modelo investir, tendo en conta sempre que será o capital humano quen debe operar os sistemas.

ÚLTIMAS

Nova oficina do SEPE en Lugo, pola que pasarán 27.000 veciños ao ano

A antiga Escola de Enfermaría de Lugo acolle a nova oficina do SEPE na...

Conmemoran a batalla do Porto de Bois e reivindican “Altri non”

Coincidindo coa xornada de conmemoración da batalla de Porto de Bois, xuntouse un grupo...

Lugo rexistra un terremoto de magnitude 3.6 que se fixo notar

Un terremoto de magnitude 3,7 na escala de Richter con epicentro en Sarria foi...

Un policía local de Lugo fóra de servizo practica un RCP e sálvalle a vida

Un policía local de Lugo que se atopaba fóra de servizo practicou unha manobra de...