A Xunta inicia os trámites de construcción do novo CEIP Sagrado Corazón

O goberno autonómico investirá máis de 4 millóns de euros nas novas instalacións ante a fin do convenio polo que o centro de ensino aproveita un edificio da entidade Abanca, coa previsión de que as obras comecen antes de fin de ano

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, comproba os terreos para a construcción do novo CEIP Sagrado Corazón | Xunta de Galicia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) a formalización do contrato de redacción do proxecto básico e de execución da construción dun novo edificio para o CEIP Sagrado Corazón de Lugo.

A firma de arquitectura adxudicataria dos traballos disporá dun prazo de dous meses para presentar o proxecto técnico; o departamento educativo da Xunta de Galicia traballa coa previsión de licitar a obra de construción do novo centro antes de que remate este ano. O executivo autonómico investirá máis de 4 millóns de euros na construción, en dúas fases, do centro. As obras estarán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, avanzou estes datos no transcurso dunha xuntanza, que tivo lugar este martes, con representantes da asociación de nais e pais do alumnado e cos integrantes do equipo directivo do centro.

Deste xeito a administración autonómica atalla a necesidade de mudar o actual emprazamento, pois neste momento o colexio está sito nun edificio da entidade Abanca, ao abeiro dun convenio con vixencia ata 2018. En calquera caso, a Consellería mantén negociacións e garante unha prórroga a este convenio ata a finalización da construción dun novo colexio.

Espazo para 450 alumnos

O novo CEIP Sagrado Corazón será de liña 2 (18 unidades, 450 alumnos) e dará servizo ao alumnado do barrio Sagrado Corazón e a contorna, asumindo a zona de influencia do centro existente e, ademais, aos futuros escolares residentes nas novas vivendas que xurdirán como consecuencia do desenvolvemento dos novos polígonos de uso residencial previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Así, está contemplada a construción de 6 aulas de educación infantil con aseos incorporados cada dúas aulas, 12 aulas de educación primaria, amais de 4 aulas de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música, aula de informática, biblioteca e ximnasio. Asemade disporá dunha zona de administración e servizos comúns, coma tamén un comedor. Na segunda fase executaranse os equipamentos deportivos, cunha pista polideportiva cuberta de estrutura lixeira facilmente desmontable, pista descuberta, patios e espazos libres. En total estímase necesaria a ocupación de arredor de 3.000 metros cadrados de superficie construída.

O delegado territorial declarou que agarda que o Concello de Lugo, tal e como se comprometeu no convenio asinado ao efecto, desenvolva as obras de urbanización e dotación de servizos na parcela que ocupará o futuro centro.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here