Detido por pedir que violasen á súa parella dende un perfil falso en redes sociais

Un home fíxose pasar pola súa parella en redes sociais para divulgar o domicilio e o lugar de traballo da muller, pedindo que a agredisen sexualmente

O detido entablaba conversas con terceiros a través dun perfil falso en redes sociais | Corpo Nacional de Policía
O detido entablaba conversas con terceiros a través dun perfil falso en redes sociais | Corpo Nacional de Policía

A Policía Nacional de Lugo detivo a un home por solicitar en redes sociais que acosasen e violasen á súa parella sentimental. O acusado afronta un delito de violencia de xénero e outro de revelación de segredos, pois empregou datos da muller para informar a descoñecidos da súa rutina e facerse pasar por ela dende un perfil falso.

A vítima enterouse da suplantación e as mensaxes que inducían ao acoso a través de terceiras persoas, e mesmo chegou a ser contactada no lugar de traballo e na rúa por varóns que recibiran estas informacións. Así, a muller presentou denuncia en comisaría o día 26, pasando o caso a axentes do Grupo de Delincuencia Organizada e do Grupo de Atención á Muller.

A Policía interceptou as conversas en redes sociais, identificando á persoa agora detida e baixo disposición xudicial. Este home, segundo consta no relato policial, estaría casado e mantendo unha relación alén do matrimonio coa denunciante. A muller fora enganada polo detido, quen asegurara que estaba viúvo e vivía coa cuñada mentres arreglaban os papeis para quedar en España.

Debido ás revelacións efectuadas polo investigado, que divulgou o domicilio e lugar de traballo da vítima, estabeleceuse un dispositivo policial contra posibles agresións sexuais. O home empregaba un perfil falso en redes sociais, amosando fotos comprometidas, para conversar con terceiros e instar a agredila sexualmente.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here