InicioPolíticaSeis partidos fan balance: hai posibilidade de acordo na cidade de Lugo?

Seis partidos fan balance: hai posibilidade de acordo na cidade de Lugo?

Os novos orzamentos terminaron coa parálise do concello da capital. Agora é tempo de analizar o que une e o que separa aos seis grupos de Lugo para evitar que os vindeiros comicios deixen á cidade sen posibilidade de goberno

PUBLICADA O

- Advertisement -

A aprobación dos novos orzamentos en abril outorga ao goberno da cidade de Lugo a oportunidade de materializar proxectos longamente pospostos. Neste senso, é un éxito para a alcaldesa Lara Méndez, que acadará o ano electoral algo máis preto dos obxectivos que transmitiu aos lucenses no acto de investidura de hai tres anos. Porén, para tal fito foi preciso un mecanismo extraordinario, a moción de confianza, táctica que evidenciou a falta de sintonía co resto de grupos presentes na corporación. Nun intento por facer balance das proposicións concluídas e comprender que aspectos motivan a falta de acordo, LugoXornal contou coas voces dos seis partidos con representación na capital.

Para o goberno local, o que fixeron estes tres anos foi «ser útiles» á cidadanía, apostando por entornos e espazos «máis amables» de cara a construír unha cidade «amiga e inclusiva». Lara Méndez afirmou que os 22 millóns de euros en fondos comunitarios «fixeron de Europa o apelido de Lugo», permitindo recuperar espazos públicos e «accións de sensibilidade pero tamén actuacións» sobre o emprego, o benestar social e a mobilidade. Así as cousas, as iniciativas máis ambiciosas do Partido Socialista (PSOE) seguen no papel, coma son a modernización do bus urbano, o carril bici entre o casco histórico e o Miño, o desbloqueo do tapón urbanístico na Avenida da Coruña, ou a ampliación dos aparcadoiros subterráneos.

BNG E PP

Fóra do arco socialista conviven forzas de diversas orixes que, malia as diferencias na visión da cidade e das súas problemáticas, coinciden en determinadas críticas ao executivo. Así, para o Bloque Nacionalista Galego (BNG), o goberno socialista non foi quen de «executar practicamente ningunha das nosas propostas». Segundo o voceiro Rubén Arroxo,  das 150 iniciativas –entre proposicións e rogos—presentadas polos nacionalistas, «moi poucas chegaron a se executar, malia que a inmensa maioría son de doada resolución, se existise vontade política real».

Esta recriminación é compartida co Partido Popular (PP), «o grupo máis activo en canto a presentación de iniciativas do pleno» en palabras do portavoz Antonio Ameijide. O representante popular no concello precisou que o seu grupo rexistrou 85 das 309 proposicións, 80 das cales obtiveron o respaldo do pleno. Compararon estas cifras coas do equipo socialista, responsable «tan só do nove por cento» das iniciativas, e lamentaron que nove de cada dez acordos acadados a iniciativa do PP quedaran incumpridos «simplemente porque teñen cuño popular e a soberbia os frea».

LUGONOVO, CIUDADANOS E ACE

Para Lugonovo, só están concluídas as proposicións «nas que a función do goberno foi instar a outros organismos a desenvolver o contido». A voceira do grupo, Cristina Pérez Herráiz, incidiu na ineficacia do concello na execución e na percepción «tan diferente do verbo concluír» que ao seu xuízo teñen con respecto aos socialistas. Dende Ciudadanos, a representante local Olga Louzao dixo que o seu partido fixo «un voto de confianza en balde», xa que «Lara Méndez non rachou co pasado», e comparan ao seu antecesor no cargo con «unha rémora» que condicionou as decisións dun goberno «en soidade» pola ausencia de diálogo.

Pleno da corporación de Lugo de decembro de 2017 | Europa Press

Malia as dificultades para sacar adiante as proposicións aprobadas, en Alternativa Cidadá de Esquerdas (ACE-EU) prefiren salientar «o labor plenario» da formación, que permitiu paliar deficiencias de control e regulación, combater a precariedade e cubrir vellas demandas da veciñanza. Carlos Portomeñe, voz da formación, lembrou que entre as iniciativas levadas a cabo están a regularización dos comedores escolares, un servizo que carecía de contrato «e estivo unha década aplicando prezos abusivos, sen control administrativo», o pagamento das expropiacións tras máis de corenta anos aos veciños de Ronda do Castro, a renovación do Barrio de Casás, a inclusión de cláusulas sociais de calidade e estabilidade laboral nos contratos públicos, e medidas urxentes de seguridade viaria preto das escolas.

OS PROXECTOS

No PP, alén dos proxectos «que quedaron na gabeta», destacaron o seu papel de cara á construcción do ascensor de Fontiñas, no acondicionamento do aparcadoiro público do HULA, na modificación do Plan Xeral e a suspensión de licenzas no Garañón, a declaración de especial interese ou utilidade municipal para as actividades agrícolas e gandeiras, o desconto no recibo do lixo e a participación na polémica ordenanza para combater o «problema» dos gorrillas. En canto ó labor de Ciudadanos, dende a formación laranxa defenderon a oposición en cuestións de transparencia e legalidade, denunciando a situación dos contratos de servizos –apuntando que un de cada tres está caducado–, o excesivo prazo para o pago de facturas, e propostas «atrevidas» para revitalizar o casco histórico, que o goberno local desbotou, coma a de transformar o cuartel de San Fernando nun centro de ensino público.

Asemade, en Lugonovo botan en falta maior vontade para aplicar «iniciativas aprobadas por maioría, moitas por unanimidade». Entre as propostas citadas están a Renda Básica Municipal, os cobros a empresas de telefonía e enerxía pola ocupación de espazo público, facer de Lugo a Cidade Creativa da Unesco na categoría de gastronomía, artellar roteiros históricos ou construír estacionamentos disuasorios. «Pero á vista está o que este goberno leva feito con elas», conclúen.

O PSOE INSISTE NO PROGRAMA SOCIAL

Estas prioridades non coincidiron coas da alcaldía, cunha axenda marcada «pola realidade socioeconómica», e a prioridade de potenciar o emprego «independentemente de non ter as competencias na materia». Para Lara Méndez cómpre destacar os programas empresariais e os plans de emprego, que ascenden en conxunto a máis de 2,5 millóns de euros, amais das medidas de aluguer e benestar que fan de Lugo o primeiro concello de Galicia, e cuarto en España, en investimento social. O obxectivo é que a crise «non deixe a ningúen atrás».

A pesar dos evidentes desencontros entre goberno e oposición, molesta polo reducido grao de execución dos acordos plenarios, o certo é que entre as seis formacións conseguiron avances no emprego de espazos públicos e na protección social dos lucenses. Quedan pendentes transformacións máis profundas e tamén a necesaria mellora na xestión das contratacións públicas, como tamén a obrigatoria lealdade ás iniciativas que parten dos adversarios. Diálogo, xenerosidade, vontade e mellores prácticas son os deberes para o grupo socialista, que precisará resolver estes déficits se quere aspirar a manter a alcaldía alén de 2019.

ÚLTIMAS

Conclúe a inspección da nave de Mazoi calcinada este martes e a empresa desconfía de que fose provocado: “Non sei como prende unha nave...

A Policía Científica deu por concluída este mércores a inspección da nave de reciclaxe da parroquia de...

Morre un peregrino norteamericano en Portomarín

Un peregrino faleceu este mércores no municipio lucense de Portomarín, segundo informou a Garda...

Sociedade Galega de Historia Natural reclama paralizar o proxecto de Altri para Palas de Rei

A Sociedade Galega de Historia Natural emitiu un comunicado no que solicita a paralización...

O BNG presenta máis de 700 alegacións ao proxecto que Altri expón para implantar en Palas de Rei

O BNG presentou na Xunta máis de 700 alegacións contra o proxecto que Altri quere implantar en Palas...