A terceira vía de Podemos Lugo agarda as propostas de Gómez-Reino e Bescansa

A irrupción dos deputados deixa en suspenso a candidatura dos círculos locais, xestada dende Lugo, á secretaría xeral de Podemos Galicia

Carolina Bescansa será candidata á secretaría xeral de Podemos en Galicia | Podemos
Carolina Bescansa será candidata á secretaría xeral de Podemos en Galicia | Podemos

Carolina Bescansa finalmente aceptou o convite da dirección saínte para desputar a secretaría xeral de Podemos en Galicia. Relegada no consello estatal, a deputada compostelá é a opción de Carmen Santos, quen renunciou a participar da renovación dos cargos que concluirá en outubro. Esta opción considérase oposta á do aparato, encarnada por Antón Gómez-Reino, Tone. A aparición destes dous candidatos, ámbolos con escano no Congreso dos Deputados, corta o paso dos círculos locais, unha terceira vía impulsada dende Lugo.

Gómez-Reino foi o primeiro en anunciar publicamente a súa candidatura, un intento do oficialismo de cicatrizar as diferenzas internas e clausurar o debate sobre a coalición con En Marea, formación da que Tone é voceiro no Congreso dentro do grupo confederal. En datas recentes, procurara o apoio do sector afín a Íñigo Errejón e dos anticapitalistas, pedindo unha lista unitaria para disuadir a Carolina Bescansa de participar na carreira pola secretaría xeral. Fundadora de Podemos e parte do clan da Complutense, a deputada por Madrid é crítica co aparato e escéptica da confluencia con En Marea.

Gómez-Reino, no centro, canda a Yolanda Díaz, de EU, e Íñigo Errejón, de Podemos
Gómez-Reino, no centro, canda a Yolanda Díaz, de EU, e Íñigo Errejón, de Podemos

Esta loita dinamita os esforzos dos círculos locais de Podemos en Galicia, que preconizan unha listaxe plural e representativa das catro provincias. O anceio de pacificación e horizontalidade está agora en risco polo desembarco de dous perfís de peso na política estatal e a falta de neutralidade do proceso. As agrupacións cidadás, nas que Lugo leva a iniciativa, terán que replantexar a súa aposta en función das propostas de Gómez-Reino e Bescansa, a escasos días do límite para a presentación de avais. As primarias de Podemos finalizarán antes de que comece a renovación de En Marea.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here