A falta de disposición da Xunta de Galicia xerou un importante descontento entre os responsables das ganderías de cabras e ovellas. Este colectivo, que adoita recibir menos atención ca o de cría de vacún, mantivo recentemente dúas xuntanzas con responsables autonómicos para abordar a viabilidade comprometida das explotacións, ameazadas polo lobo. Dende 2013, o sete por cento das ganderías cesaron a actividade pola caída da rendibilidade, que lles impide afrontar os investimentos para protexer o gando criado en zonas de monte e pastizais.
A asociación de criadores de ovino e caprino OVICA, con preto de douscentos asociados e 30.000 animais censados nas catro provincias, constatou a fin de ganderías en Becerreá, Cotobade, Guitiriz, Muras, O Irixo e Vilasantar. O director técnico da organización, Carlos Rodríguez, explica que o noventa e cinco por cento das explotacións están expostas, agás “tres ou catro de gandería de producción de leite, con vacas estabuladas ou en recinto”. O resto deben dispor de métodos contra os ataques do lobo, con peches perimetrais, mallas electrificadas, pastores eléctricos e mastíns.
De xeito resumido, o problema ten orixe no cambio de comportamento do lobo, presionado pola actividade humana, e a falta de recursos dos gandeiros para afrontar esta ameaza nun intre de prezos estancados. Por iso era vital a resposta da Xunta, primeiro da directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, e despois co delegado territorial en Lugo, José Manuel Balseiro.
Segundo os datos de que dispoñen en OVICA, hai noventa mandas de lobo distribuídas pola xeografía galega, a excepción da faixa das Rías Baixas, onde “pola presión demográfica non están presentes”. Rodríguez precisa que as explotacións sofren ataques constantes “pola desaparición do cabalo de monte, principal alimento do lobo, e a eucaliptización”.
Así, o lobo desprazouse cara a marxes habitadas, procurando outro tipo de alimento. Sobre todo onde hai menor risco, atacando animais de gandería extensiva desprotexidos. Mais, de non atopar pezas abondo, entran incluso nos perímetros electrificados, coma aconteceu de xeito recorrente na explotación dunha das socias na Pastoriza.
O número de cabezas de gando vítimas do lobo aumentou un 62 por cento entre 2014, cando foron 1.466 os animais mortos, e 2017, cando acadaron a considerable cifra de 2.379, con datos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. Do total, foron 1.288 ovellas e 242 cabras, o que fala de que sector é o principal damnificado. O ano pasado cursáronse 968 indeminzacións.
“A inmensa maioría queremos a coexistencia pacífica co lobo, pero non estamos dispostos a que a Xunta eluda as súas responsabilidades na xestión do lobo”. Dende OVICA alertan de que as marxes económicas dos gandeiros, obrigados a asumir os custes da prevención, incrementan a conflitividade social. “Así o entendemos a través do O-Xan –Grupo de opinión da xestión do lobo en Galicia–: se todos queremos o lobo, todos temos que poñer da nosa parte”.
A maior decepción, comenta Rodríguez, foi ver como a Xunta denegaba o asesoramento en prevención. “As medidas que consideramos que hai que implantar son importantes non tanto no económico coma no organizativo”. OVICA reclamaba que os axentes forestais levantasen expediente logo de cada ataque, tomando nota dos danos, e revisando os métodos instalados para determinar, antes da comisión de danos, cales foron as causas e como se podería incrementar a protección. Porque, malia contar con instalacións axeitadas, explotacións coma Granxas de Lousada ou Cabuxa Natur perderon máis de 40 animais. Os técnicos de OVICA están desbordados e non poden atender todos os ataques.
Outra das reivindicacións dos criadores de ovino e caprino é blindar as achegas para os métodos preventivos. Neste 2018, a Xunta non convocou ningunha axuda, un fito negativo engadido a que en 2017 a administración autonómica deixou sen atender un terzo das solicitudes. Este factor é clave, porque os prezos de venda dos cordeiros e cabritos levan estancados unha década.
Asemade, os prezos compensatorios están desactualizados. Solicitouse incrementar os importes subvencionados nas axudas paliativas, que en comunidades coma Castela e León son practicamente o dobre por cabeza. “Por unha ovella ou cabra de seis anos pagan 29 euros, algo irrisorio cando poden vivir doce ou catorce anos”. A perda de lucro cesante agrávase polo feito de que só se cobren as mortes, e non así as desaparicións ou abortos por mor do shock traumático, polo que os danos reflictidos non son os reais. A pesar do compromiso da Xunta, neste 2018 só se actualizaron os valores do gando vacún, nun cinco por cento. O gando caprino e ovino terá que agardar.
Tampouco houbo acordo con respecto á discriminación positiva solicitada para estas compensacións. “Instamos a que se valorara nos mozos menores de 41 anos, coma se fai nas axudas de incorporación e mellora, porque están comezando, nun punto crítico que debería estar especialmente protexido”. Dende a Xunta trasladaron que non se pode facer “por tema administrativo”.