Retiran 850 quilos de lixo do Rato durante a XI Limpeza Simultánea de Ríos

A XI Limpeza Simultánea de Ríos, actividade de voluntariado ambiental impulsada por Adega, retirou 8 toneladas de residuos en 53 concellos galegos

Voluntarios da XI Limpeza Simultánea de Ríos en Lugo | Adega
Voluntarios da XI Limpeza Simultánea de Ríos en Lugo | Adega

Un total de 548 persoas retiraron esta fin de semana máis de 8 toneladas de residuos duerante a XI Limpeza simultánea de ríos do proxecto “Móllate polos ríos” que se celebrou este ano en 53 concellos de toda Galicia. Nel participaron un total de 70 entidades (asociacións, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) e tamén 7 concellos que organizan directamente esta actividade. Actuouse nun total de 34 treitos de río.

No caso de Lugo congregáronse 16 participantes de tódalas idades, actuando simultaneamente en dúas zonas distintas: a primeira, na cabeceira do Rato, a carón do polígono industrial do Ceao, onde se sitúa a antiga fábrica de alcatrán de Cortizo; e a segunda, no barrio do Castelo de Abaixo, a carón da vía do tren, onde se atopan varias fontes do afluente do Miño. 

Estes voluntarios lograron retirar 850 quilogramos de refugallos que atentan contra a saúde das augas do Rato. Entre o lixo atoparon plásticos, botellas de vidro, rodas de automóbiles, baldosas, persianas, sofás, televisores, pezas de baño, un somier, cascallos, ferralla, roupa e calzado, xoguetes…

Dende Adega queren chamar a atención sobre as zonas de cabeceira e outras fontes do Rato, que parecen ser habituais lugares de encontro para o botellón e para vertedoiros ilegais. “Tamén resultou chocante a aparición nos arredores da fábrica de Cortizo de varios extintores, material de uso hospitalario e ata un esqueleto dunha vaca, cuestións que xa foron postas en coñecemento do Concello de Lugo”, explicaron os responsables deste colectivo na cidade.

A nivel xeral, en Adega explican que “fomos novamente moitas as persoas as que nos mollamos polos ríos na XI Limpeza simultánea”. Das actividades participaron grupos de maiores e cativos, limpando ríos e regatos. “Todos tiñamos o mesmo obxectivo: coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados”.

En todo caso, a organización ecoloxista salienta que o voluntariado ambiental “non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración”. “Somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta”, apunta.

Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Para esta actividade contan coa colaboración da Fundación Biodiversidad e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, así como cos concellos de A Estrada, Allariz, Arzúa, Carballo, Fene, Gondomar, Lugo, Nigrán, Ponteareas, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Teo, e Tomiño.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here