InicioMedioambiente e PatrimonioO Concello de Lugo comeza a tomar medidas ante a seca prolongada

O Concello de Lugo comeza a tomar medidas ante a seca prolongada

Lavará as rúas en días alternos como medida preventiva.

PUBLICADA O

- Advertisement -

O Concello de Lugo decidiu tomar medidas preventivas fronte ao “posible agravamento da seca” e avanzou, entre outras cuestións, que a partir de agora nas calzadas da cidade farase un baldeo mecánico e dous mixtos –este último inclúe un varrido manual básico–, de luns a sábado, como antes, pero en días alternos. Ademais, o lavado de beirarrúas e de prazas mantense de luns a domingo, pero cunha hidrolimpadora, en lugar das dúas coas que se realizaba esta limpeza ata agora.

“A vontade do Goberno local é adecuarse á realidade hídrica que vivimos, sendo sensibles a un posible empeoramento da mesma se esta climatoloxía perdura e co obxectivo de actuar en consecuencia para evitar, na medida do posible, outro tipo de restricións que ocasionen un maior prexuízo á cidadanía“, expresou o concelleiro de Medio Ambiente de Lugo, Miguel Fernández.

Nesta mesma liña, o edil explicou que pasarán a empregar un 30% menos de auga para a conservación dos espazos axardinados e priorizaranse “os máis sensibles e aqueles que teña plantada flor de tempada”. Neste caso, Fernández detallou que a cantidade podería diminuír “ata o 60 ou o 90%” se a Confederación Hidrográfica determinase “un empeoramento da seca”.

En canto á limpeza viaria, Miguel Fernández especificou que se destina a esa función unha media de 2.245,88 m3 ao mes, que durante o verán se reduce nun 20% ata os 1.797,32 m3 mensuais. Agora, ante as circunstancias actuais, o edil asegurou que con esta redución do baldeo chegará ata o 50%, o que suporá a utilización de “ao redor de 1.122,94 m3 de auga ao mes”. No caso de agravarse a situación, puntualizou que se baixará ao “75% en prealerta, ao 90% en alerta ou se eliminará se así o considera a Confederación Hidrográfica”.

Así, aínda que na capital lucense nestes momentos non existe unha situación de prealerta ou alerta de seca, o consistorio municipal trata de “tomar conciencia” e aplicar pautas que, “mantendo a hixiene da cidade”, permitan “velar por unha utilización máis eficiente e responsable dos recursos naturais”.

RECIRCULACIÓN DA AUGA DA DEPURADORA

Por outra banda, sobre a posta en marcha da recirculación da auga da depuradora para “garantir o caudal hidrolóxico do río Miño”, tal e como demandou este martes o grupo do PP no consistorio, o Goberno local quixo aclarar que é unha cuestión sobre a que “xa está en permanente contacto coa empresa que xestiona o ciclo da auga” no concello para “aplicala no caso de que sexa necesario”.

Neste sentido, o edil de Medio Ambiente explicou que este sistema se contempla “para cando o valor do caudal ecolóxico do Miño sexa inferior a 1,44 m3/s no caso do mes de agosto.

Nestes momentos, afirmou, eses valores sitúanse nos “4,65 m3/s”, o que, engadiu, “supón catro veces o mínimo establecido para activar o sistema”. Ademais, apuntou que “ten uns custos moi elevados, xa que o operativo depende da subministración enerxética para poder tratar, bombear e desprazar toda esa masa de auga río arriba”.

“Trátase dunha medida que contemplamos desde o Executivo, pero débese adoptar no momento no que as condicións así o requiran para evitar un malgasto dos recursos públicos”, insistiu o responsable de Medio Ambiente.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...