A vicepresidenta primeira do Parlamento e líder provincial do PP de Lugo, Elena Candia, asumirá o reto de ser a candidata popular á Alcaldía de Lugo. A xunta directiva local, segundo informa a formación, apoiou “por unanimidade” a proposta realizada polo presidente local, Ramón Carballo, designando como ‘alcaldable’ ás próximas eleccións municipais á presidenta provincial dos populares de Lugo. Fíxoo en presenza do líder do partido e presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Carballo resaltou “a capacidade de xestión e a honestidade” de Candia, exalcaldesa de Mondoñedo, onde segue no goberno local como tenente de alcalde, asegurando que é “unha muller resolutiva e valente”.
“Con Elena de alcaldesa, Lugo sairá do bucle dos proxectos fracasados, inacabados e sen sentido do bigobierno“, esgrimiu.
O TRABALLO DO GRUPO DO PP, “INVALIDADO”
Antes de que se fixese oficial o paso de Candia, co que xa se especulaba nos últimos días, a alcaldesa da cidade, a socialista Lara Méndez, incidiu en que o comité de dirección local do partido “non ten capacidade decisoria ningunha”.
En todo caso, Méndez consideraba que “sexa quen sexa o candidato, o que se fai é invalidar todo o traballo do grupo municipal do PP, que mantivo un rexeitamento continuo a iniciativas necesarias para a cidade“.
“Eu pediría, independentemente de quen sexa o candidato, que este se poña ao carón da cidade e non ao carón do seu partido”, emprazaba.