Regresa o Arde Lucus, “a primeira gran festa trala pandemia”

Hai 400 actividades programadas ata o domingo desta festa de recreación do pasado romano e 'castrexo'.

Festas coma o Arde Lucus aumentan a proxección de Lugo no sector turístico internacional | Óscar Bernárdez
Festas coma o Arde Lucus aumentan a proxección de Lugo no sector turístico internacional | Óscar Bernárdez

A inauguración do ‘Macellum’, o mercado da antiga Roma, ás 17,00 horas deste xoves suporá o pistoletazo de saída á nova edición do Arde Lucus, a festa de recreación do pasado romano e ‘castrexo’ da cidade de Lugo, que se prolongará ata o vindeiro domingo.

Son 400 as actividades que promove o Concello de Lugo, cen diarias. Esta xornada de xoves coroarase a partir das 20,30 horas coa alcaldesa, Lara Méndez, que recibe ás “lexións romanas” que entran polo barrio da Ponte.

Toda a cidade, sobre todo o centro, está tomada polos campamentos que plantaron as 19 asociacións históricas que son fundamentais para entender esta festa, nove romanas e dez ‘castrexas’.

O presidente da asociación Lugo Monumental, Luís Latorre, presume que esta é “a primeira gran festa despois da pandemia”. “Isto non é simplemente a recuperación do Arde Lucus para Lugo, é a recuperación do Arde Lucus para Galicia e para España, atreveríame a dicir”, resaltou.

Latorre incidiu en que se trata da “primeira gran festa que temos despois da pandemia e a data está moi ben elixida porque o Arde Lucus abre o calendario de festas do verán en Galicia e péchao o San Froilán (as festas patronais de Lugo)”. “Lugo é o principio e o fin das festas do verán de Galicia e este Arde Lucus vai superar todas as expectativas“, presaxiou tras dous anos sen celebrarse pola pandemia.

“REVULSIVO ECONÓMICO”

O presidente desta asociación do centro da cidade remarca que esta festa é “unha promoción bestial para a cidade de Lugo e do centro histórico, da súa muralla, da súa historia”. “Ademais, é un revulsivo económico nun momento en que fai moita falta. Non podemos esquecer que vimos dunha crise terrible, este tipo de actividades véñennos moi ben a todos e sobre todo para a hostalaría que traballa”, apuntou.

Practicamente, rózase o cento por cento da ocupación hoteleira, nunha festa que xa é de Interese Turístico Nacional e que agora persegue elevar esa distinción ata Festa de Interese Turístico Internacional, que é no que se vai envorcar o Concello de Lugo.