InicioSociedadeO Arde Lucus contará con reforzo policial para velar pola seguridade cidadá

O Arde Lucus contará con reforzo policial para velar pola seguridade cidadá

Búscase vixiar, especialmente, as aglomeracións que poden xurdir durante os dous grandes concertos previstos de Saor Patrol e Tanxugueiras.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Xunta Local de Seguridade do Concello de Lugo, coopresidida pola alcaldesa da capital luguesa, Lara Méndez, e a subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, acordou reforzar a presenza policial durante a celebración do Arde Lucus, do 9 ao 12 de xuño, para velar pola seguridade cidadá.

A alcaldesa destacou “a necesaria colaboración entre os distintos corpos: Policía Local, Policía Nacional, Policía Autonómica, Garda Civil de Tráfico, Bombeiros e Protección Civil, para desenvolver un operativo coordinado e eficaz que permita realizar un control efectivo sobre os espectáculos e actividades programadas”.

Dito isto, avanzou que “se reforzarán os efectivos para vixiar, especialmente, as aglomeracións que poden xurdir durante os dous grandes concertos previstos de Saor Patrol e Tanxugueiras, pero tamén para garantir o correcto desenvolvemento dos desfiles, dunha forma específica o desfile escolar (de todos os colexios da cidade), en convivencia co tráfico rodado que se manterá nas vías circundantes ao traxecto polo que discorren estes desfiles e co obxectivo de que causar as menores molestias posibles”.

Lara Méndez apelou de novo á responsabilidade “individual e colectiva da cidadanía”, e convidou a veciñanza a “gozar do primeiro Arde Lucus” (festa de recreación romana e castrexa da cidade das murallas) sen restricións logo de dous anos de pandemia. “Hai que celebralo con sentido e sen baixar a garda”, afirmou a alcaldesa.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, comprometeu a “máxima dispoñibilidade” por parte da Subdelegación de Lugo para garantir “o éxito do Arde Lucus”. “A Subdelegación do Goberno, a Policía Nacional e o Subsector de Tráfico da Garda Civil estaremos aí para apoiar a organización e salvagardar a seguridade das persoas”, concluíu Isabel Rodríguez.

ÚLTIMAS

O Concello de Lugo modifica horarios de traballadores e instalará paneis especiais nas escolas infantís pola calor

O pleno ordinario de xuño do Concello de Lugo abriuse este luns coa intervención...

Lara Méndez, “tranquila” ante a situación de José Tomé nas primarias: “Cando detectamos un problema, dámoslle solución, non coma o PP”

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, dixo estar "tranquila" ante a situación do...

A Ofrenda do Antigo Reino de Galicia celébrase en Lugo por primeira vez como Ben de Interese Cultural

A cidade de Lugo acolle este domingo, 29 de xuño, unha nova edición da...

A Fiscalía pide 20 anos de prisión para un home acusado de violar dúas veces a unha muller en Lugo

A Audiencia Provincial de Lugo acollerá os días 3 e 4 de xullo o...