A piques de culminar a reforma interior da Catedral de Lugo

A Xunta axeita espazos do Museo Diocesano e Catedralicio no baixo cuberta do Triforio da Nave do Evanxeo e restaura as fiestras románicas

Interior da Catedral de Lugo | MDCL
Interior da Catedral de Lugo | MDCL

As vindeiras datas verán o remate da obra que a Xunta de Galicia realiza na Catedral de Lugo. A intervención consiste no acondicionamento do baixo cuberta das Antigas Sacristías e Capela de San Froilán, cun orzamento de 124.000 euros. E supón o colofón do impulso e posta en marcha do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo (MDCL), o decano dos museos galegos, cun investimento acumulado de 374.000 euros nos últimos tres exercicios a cargo do goberno galego.

O contido das obras foi explicado polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, durante a visita institucional á magna igrexa. O representante da Xunta salientou “o compromiso coa conservación e a divulgación” do amplo patrimonio relixioso da Diocese, que comprende 1139 parroquias, e lembrou a importancia destes recursos no atractivo cultural “para xerar riqueza e emprego”. Para Rodríguez, o Museo Diocesano e Catedralicio realiza “un papel vertebrador” na xestión do patrimonio lucense.

No centro, o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez | Xunta de Galicia
No centro, o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez | Xunta de Galicia

Co propósito de liberar espazo e crear estancias no interior da Catedral, substituíronse os tabiques de ladrillo por estruturas metálicas no baixo cuberta adosado o Triforio da Nave do Evanxeo. A acción foi acompañada da restauración das fiestras románicas, liberadas dos forxados de formigón e recompostas con elementos de cristal, máis acaídos. Por último, colocouse un falso termico para illar termicamente a cuberta, limpiáronse as fábricas de cantería, e cubriuse con morteiro e cal o acabado dos paramentos.

A visita derivou da Catedral cara a Muralla, onde o emisario autonómico anunciou un novo plan de actuacións. Logo de rematar a restauración dos cubos XIX e LXXX, cun orzamento de 375.000 euros, a Xunta acometerá outras catro accións –por un importe de 1,1 millóns euros– para a salvagarda dun ben icónico que o vindeiro 30 de novembro cumprirá 18 anos inscrito no Patrimonio Mundial da Unesco.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here