InicioMovementos sociaisLugo homenaxea este domingo o labor das asociacións veciñais

Lugo homenaxea este domingo o labor das asociacións veciñais

Concello de Lugo e Deputación reeditan o 23 de setembro o Día do Veciño en alianza co colectivo veciñal máis numeroso de Galicia

PUBLICADA O

- Advertisement -

Polos equipamentos sanitarios no HULA, pola revitalización do vello Xeral, a xestión das axudas agrarias ou a reformulación da mobilidade e o transporte público. As reivindicacións da cidadanía lucense adoitan ter voz a través da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, o colectivo desta clase máis numeroso de Galicia, con vinte mil membros pertencentes a 300 asociacións. Esta capacidade de mobilización é motivo de homenaxe este domingo, 23 de setembro, coa reedición do Día do Veciño.

A xornada conta cun importante soporte do Concello de Lugo e a Deputación, institucións gobernadas polo Partido Socialista, que atopou en moitos frentes un forte aliado no tecido veciñal da provincia. A oito meses dos vindeiros comicios locais, e no medio da polémica polo borrador da Ordenanza Cívica –na gabeta pola presión dos movementos sociais–, esta 17.ª edición do Día do Veciño gaña importancia de cara a fortalecer o vencellamento entre os colectivos de base e o partido da rosa e o puño.

Será este domingo 23 de setembro no Pazo de Feiras e Congresos da capital lucense, coa intendencia a cargo do Concello, o patrocinio principal da Deputación (que achega 15.000 euros), e a colaboración de Abanca e Gadis. A cita está plantexada como un punto de encontro para as xentes de todos os concellos de Lugo, unha homenaxe ás asociacións que defenden os dereitos e intereses da provincia dende o ámbito local.

No Día do Veciño agárdase a presenza de preto 4.000 participantes. Dende as nove da mañá do domingo, un cento de voluntarios prepararán o recinto para comezar os actos a partir das 12.00 horas co partido de fútbol no campo da Cheda. Na explanada a carón do Pazo  haberá a continuación sesión vermú, amenizada por agrupacións de música tradicional e bailes a cargo da Escola Ritmo Lugo.

O inicio do xantar de irmandamento está previsto ás 13.30 horas. Coa entrada simbólica, de 3 euros, os asistentes poderán desfrutar de produtos lucenses coma os pementos de Mougán, chourizos Ceide, empanadas Illán, embutidos de Gadis, pan de Antas de Ulla ou viño de Chantada. Coa comida intercalaranse actuacións de diferentes grupos musicais.

O encontro terá un intre de honras coa entrega dos premios V de Veciño. Estes obsequios recoñecen o labor dos socios que, no transcorrer do ano, desempeñan un papel protagonista a prol da dinamicación e promoción da súa bisbarra. Neste 2018 os galardoados serán o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, o alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, o CB Breogán, e representantes de medios de comunicación e empresarios comprometidos coa provincia. 

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...