Carballo preséntase como xestor e promete propostas sen ataques

O alcaldable do Partido Popular encoméndase irmandar no Partido Popular experiencia e renovación nun proxecto "sen complexos" que comporte "un cambio de rumbo" para Lugo

Tellado, Candia, Carballo e Feijóo durante a presentación oficial do alcaldable para a cidade de Lugo | PP
Tellado, Candia, Carballo e Feijóo durante a presentación oficial do alcaldable para a cidade de Lugo | PP

Ramón Carballo foi presentado oficialmente este venres como candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo. O presidente da agrupación local, de 59 anos e natural de Pedrafita do Cebreiro, di que asume a candidatura por débeda á cidade, na que medrou dende que era un cativo. Na presentación estivo arropado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta dos populares na provincia, Elena Candia.

O alcaldable do PP describiuse como “unha persoa de palabra, de consenso, predecible e reflexiva” e tamén se definiu “como un home de partido” asegurando que presentarse como candidato á alcaldía de Lugo foi unha decisión meditada, e que o fai dende o convencemento de que é preciso un cambio de rumbo no Concello que “só se pode conseguir co traballo, a unidade, a experiencia e os afiliados dun partido como é o Partido Popular”.

Carballo –integrante do Corpo Superior da Xunta de Galicia dende 1994– asegurou que porá a disposición dos lucenses a súa “experiencia como xestor en diferentes administracións públicas”, subliñando que “a partir de hoxe me adicarei, en corpo e alma, a esta etapa ilusionante”. O líder da agrupación de Lugo matizou que non é “home de promesas imposibles e improvisadas” e que fará “un traballo honesto e propostas sen ataques”.

O candidato, Carballo, e o presidente dos populares, Feijóo, durante o acto | PP
O candidato, Carballo, e o presidente dos populares, Feijóo, durante o acto | PP

O outrora subdelegado do Goberno e actual representante da Consellería de Presidencia en Lugo explicou unha folla de ruta que suporá “un cambio de rumbo”, e que xerará ilusión entre os veciños da cidade amurallada. “Queda moi pouco, oito meses para completar equipos e cerrar programa”, avisou Carballo, quen sintetizou a campaña en catro eixos.

Para comezar, reforzará o equipo de campaña “mesturando a experiencia e a renovación para corrixir erros e profundizar nos acertos”. Asemade, avogou por “escoitar aos veciños e defender as súas propostas”. En terceiro lugar, comprometeuse a manter “unha presenza permanente nas 54 parroquias do rural e intensificar visitas nos barrios de Lugo”. E por último, salientou que cómpre “explicar de forma clara e sen complexos o proxecto do Partido Popular”.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here