O Colexio de Traballo Social considera a ordenanza cívica “antidemocrática”

A asociación oficial considera que o borrador da ordenanza é demagóxico e amosa un fondo de racismo e aporofobia sen aportar solucións para os colectivos excluídos

Cartaz de Lugo Sen Mordazas na Tinería | Óscar Bernárdez
Cartaz contra a ordenanza cívica ou 'ordenanza mordaza' na Tinería | Óscar Bernárdez

O Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) amosa a súa preocupación por varios dos artigos contidos no borrador da Ordenanza de Seguridade e Convivencia de Lugo. No organismo consideran que a norma proposta polo grupo socialista –e apoiada por Partido Popular e Ciudadanos– afonda nos problemas dos colectivos en risco de exclusión social e non contribúe a aportar solucións de fondo.

Este posicionamento prodúcese no medio da escalada do enfrontamento entre Lugo Sen Mordazas e o Concello. O movemento asambleario considera a norma un retroceso nas liberdades civís e denunciou coaccións sobre as xentes do barrio da Tinería. Dende a alcaldía alimentaron a polémica da multa de 300 euros pola recollida de sinaturas contra a ordenanza coa eliminación dun mural reivindicativo realizado pola plataforma crítica.


Trala análise, o COTSG ten dúbidas sobre a redacción da norma. Os artigos 37 e 38 sobre a mendicidade son “demagóxicos” e revelan “un fondo de aporofobia”, porque traslada que as persoas excluídas non o son polo contexto socioeconómico, senón “porque queren”. As traballadoras sociais explican que o texto “expresa a idea de que as persoas sen fogar son violentas e a realidade non ten nada que ver […] busca confirmar un estereotipo”. Nesa mesma liña censuran o artigo 40, con medidas coercitivas que recaen sobre estas persoas sen fogar, e para as que non existen alternativas.

O organismo oficial salienta asemade o contido dos artigos 41, 42 e 43, “completamente mal formulados porque neles ponse na mesma situación á prostituta e aos prostituidores e/ou clientes”. Aclaran que o “monopolio de poder son eles” mentres que elas son “a miúdo persoas vulnerables que exercen a prostitución como única alternativa a un sistema de desigualdade que as marxina”. Deste xeito, penalizalas a elas só contribuiría a empeorar a situación.

Tampouco se ofrecen solucións para a venda ambulante, nunha lexislación que “afonda no racismo e a discriminación”. A asociación de traballadores sociais sinala que “non deben levarse a cabo accións penalizadoras para abordar esta problemática social porque só traen consigo que a cidadanía teña máis prexuízos”, eliminando sen outra alternativa a principal fonte de ingresos destes colectivos.

En conxunto, o borrador da ordenanza é segundo o Colexio “antidemocrático e penaliza a liberdade de expresión de asociacionismo e activismo, mentres que protexe calquera tipo de acto que organice ou no que colabore o Concello”. Defenden o activismo como “peza fundamental para avanzar socialmente” porque empodera as persoas, e polo tanto debería ter espazos de expresión na cidade de Lugo.

Así as cousas, o COTSG conclúe que “os procesos de reconstrucción social deben facerse de abaixo a arriba, escoitando a todo o conxunto da cidadanía e dándolle a posibilidade de ser partícipes no cambio”. E inciden en que “unha ordenanza de seguridade e convivencia que só reprime e non busca solucións nunca vai lograr unha cidade máis cohesionada e participada”.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here