InicioPolítica“Non hai que confudir experiencia con mudar na clase política que xa...

“Non hai que confudir experiencia con mudar na clase política que xa estaba aí”

Podemos Lugo inicia contactos para explorar o acordo marco estatal e incorporar candidaturas cívicas de cara ás eleccións municipais de 2019

PUBLICADA O

- Advertisement -

José Manuel Pérez Afonso, máis coñecido por Josito (Lugo, 1979) é voceiro de Podemos Lugo. A formación atópase de novo en construcción logo de saír de Lugonovo. Este mes de setembro marca o inicio das conversas coas forzas coas que concorrerán nos comicios locais, despois dun intenso ciclo político no que recoñecen que aprenderon a base de paus. Mais advirten que esa experiencia non implica asemellarse á clase política preexistente, coa que din non compartir comportamento nin temas. Recobrando o mantra da ilusión, apostan novamente por incorporar candidaturas cívicas e un programa vencellado ás reivindicacións dos colectivos e as xentes da cultura de Lugo.

Que afastou nesta convocatoria electoral a Podemos de Lugonovo?

Separou o camiño andando en común. Nas anteriores municipais xurdiran dúas plataformas: unha era Lugo en Común e a outra era Gañemos. Unha era unha plataforma moi vencellada a Esquerda Unida e outra estaba vencellada a xente de Lugo que estivera en Compromiso por Galicia, xente que viñera do BNG… e nós, polos nosos estatutos, non podiamos presentarnos, así que tentamos ser o eixo vertebrador para que as dúas plataformas converxeran.

Parecíanos o máis correcto e xusto, que a cidadanía vise unidade fronte aos partidos tradicionais. Intentámolo, fixemos xuntanzas, debates públicos, e de aí xurdiu Lugonovo. Que pasou? Que enseguida se baixou do carro Esquerda Unida e montou ACE para concorrer a esas eleccións. Nós preguntáramos á nosa militancia –porque aínda que a dirección orgánica ten certo poder de decisión, as decisións importantes deben pasar todas polas inscritas e inscritos– se debiamos apoiar a Lugonovo, e o resultado foi aplastante polo si.

E fixemos o que a base mandou, apoiar sen máis, sen cotas de participación, apoiamos como puidemos na campaña, porque acabábamos de nacer, e fomos incorporándonos pouco a pouco á vida municipal con eles. Chegou un momento no que nos metemos na coordinadora, e aí descubrimos que tiñamos uns xeitos moi distintos de afrontar a vida diaria en política, o xeito de actuar. Iso foi o que nos afastou, nós temos unha maneira de actuar en consonancia co noso código ético, non podiamos compartir espazo cun grupo que non estaba disposto a respectar eses valores, eses códigos que nos fan unha forza diferente.

Cales eran as discrepancias, concretamente?

Non foi unha soa cousa, e coido que é feo comezar a criticar a un grupo porque eles consideren que o seu labor político ten que ser de determinado xeito. Pero nós cremos que tiña que haber unha cota máis alta de participación, moitísima máis transparencia; ante certas cuestións de contratación non estabamos dacordo en como se facían as cousas; defendíanse intereses que quizais non eran os da cidadanía de Lugo, mais os duns grupos minioritarios dentro da coordinadora, intereses ás veces persoais e non colectivos.

Era un cúmulo de cuestións que non compartiamos. E o máis san e coherente é, se vós credes que tedes que facer o voso labor político así, seguide adiante, non pasa nada, verémonos logo nos acordos poselectorais.

Alba Díaz Valiño, Adrián Fuentesca, Carmen Fernández Alarcón e máis vostede saíron daquela da coordinadora. Como quedou configurado o espazo de Podemos en Lugo?

O espazo de Podemos en Lugo e ningún momento mudou por estar dentro de Lugonovo. Nós tiñamos a nosa actividade propia, o feito de estar na coordinadora non implicaba que a nosa actividade fose só a de Lugonovo. En todo momento tiñamos a orgánica, o noso traballo e as nosas inquedanzas propias.

Unha das nosas tarefas era participar da coordinadora de Lugonovo. E, de feito, cando [Santiago Fernández] Rocha marchou, tocaba cubrir un oco nela. Victoria [Esteban Riesco], que xa estaba na coordinadora, pasou a ocupar o oco no grupo municipal. Quedaba un oco e había dous reservas de Podemos Lugo; curiosamente, o oco na coordinadora non se cubriu. Foi algo que nos estrañou moito, non se aplicaban as normativas internas, cuestións erráticas de parte.

Nós decidimos marchar. Previamente tiñamos un labor que seguimos mantendo; dentro ou fóra, Podemos seguiu tendo as mesmas inquedanzas e traballos.

Existe un acordo estatal polo cal Podemos concorrerá con Esquerda Unida nos vindeiros comicios locais. Como se formalizará o acordo en Lugo?

Teremos que discutilo e terá que pasar por unha consulta ás bases. Xa saímos a dicir a nosa intención, que é claramente tentar aproveitar ese acordo marco no que Equo, Esquerda Unida e Podemos van da man, intentar reproducilo aquí sendo máis inclusivos.

Ten mencionado un frente máis amplo, con asociacións e colectivos lucenses.

Despois deses acordos políticos, despois do traballo programático, hai que facer unha listaxe. Non estamos obsesionados cos postos, por iso insistimos en que nos postos que correspondan a Podemos nese acordo marco, non nos vai levar ningunha prenda ceder sitios a xente do asociacionismo lucense, xente da cultura, persoeiras que poidan representar os valores que nós temos, aínda que non estean no partido propiamente. Non podemos ser corporativistas se aspiramos a un proxecto amplio e plural.

Como será o proceso de confección das listaxes para incorporar esas candidaturas cívicas?

Teñen que pasar todos por primarias, aí non hai dúbida. O traballo do círculo de Lugo vai na liña de presentar unha candidatura ás primarias, e que os inscritos e inscritas decidan.

Que prazos manexan para as primarias?

Non o sabemos a ciencia certa. Agora mesmo estamos a facer o traballo burocrático interno, temos constituído un grupo municipalista que tenta acotar un deseño primixéneo sobre a problemática lucense e por onde queremos ir. Presentarémolo agora no Consello Galego, que o validará ou non para seguir adiante. Facemos isto dun xeito paralelo, non queremos ser un partido de despacho, hai cuestións que temos na cabeza previamente porque as hipóteses que manexamos son as que son, pero queremos que isto sexa algo coral. Eu, que son músico, estou obsesionado co equilibrio, coa coralidade [ri]. 

O que estamos a facer é contactar con asociacións, colectivos con loitas sociais, máis información ca nós en certos temas. Non queremos sacar da manga as cuestións programáticas, das mentes de Podemos Lugo, non; deben reflictir as necesidades reais, e neste intre estamos no estudo e deseño dun traballo que poida dar resposta ás necesidades da cidadanía.

Cal será a configuración do grupo de traballo de cara ás eleccións? Que aprenderon dos comicios anteriores?

O que aprendemos –podo falar en primeira persoa porque estiven en varias listas, concorrín nas anteriores estatais– é que é un traballo intenso, unha tolería. É un esforzo titánico non dos candidatos soamente, de todo o grupo e as bases: hai que pegar carteis, montar actos, falar coa xente… se fixésemos unha campaña tradicional, sería relativamente sinxelo. Pero nós insistimos en estar en contacto coa xente, non só nun mítin bancario, tentamos que sexan encontros, con intercambio de pareceres, opinar e participar. Iso implica un compromiso, e sen as bases non poderíamos facelo,

Podemos sen a base non é nada. Temos uns compromisos éticos, non nos endebedamos cos bancos, e na cuestión económica e na xestión de eventos dependemos de nós. Lembro un mítin no que, media hora despois de rematar, estaba recollendo as cadeiras, e pasa unha señora: ‘Pero ti, ti non estabas falando aí?’ ‘Pois si, señora, isto é a nova política!’ E a señora ría, claro, ‘Non, non, se paréceme ben!’

Si que é verdade que hai unha relación máis estreita coa xente que vai ir nas listaxes, xente que traballamos xuntos no día a día. Non cremos nas estrelas do rock. O importante é que presentemos a xente comprometida, con valores de servizo á comunidade, cun valor esencial en política que é a honestidade.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...