Piden facer pública a zona do Club Fluvial de Lugo tralo revés legal da Confederación Hidrográfica

O grupo que o xestiona non poderá renovar a concesión, circunstancia que os ecoloxistas vén como unha "oportunidade" para reclamar o uso público da zona.

Revés legal para o Club Fluvial de Lugo. A Confederación Hidrográfica Miño Sil vén de denegar a solicitude da institución para renovar a concesión das instalacións; un ‘non’ que se suma ás peticións do club para legalizar os espazos existentes que estarían a operar fóra do marco normativo. Así o vén de apuntar a plataforma ecoloxista Adega, que celebra o ditame e cualifica a situación actual como “oportunidade histórica” para reverter o uso privado desa parte do Miño.

Segundo apuntan dende a plataforma, a denegación de renovación da concesión tivo que ver con que se excedera xa o prazo legal máximo previsto da ocupación; mentres que legalización das instalacións existentes na actualidade foron denegadas indicando que o proxecto presentado inclúe usos e actividades que “supoñen unha degradación do Dominio público hidráulico”, apuntan dende a plataforma aludindo ao disposto pola Confederación.

En Adega ven con “satisfacción” a resolución en tanto que “atende as demandas feitas durante décadas a prol da liberación da zona de servidume coa retirada de valados e portas que impiden o tránsito desde o río á terra de persoas e animais”. Segundo destacan dende a plataforma, “a entidade deportiva leva incumprindo esta condición á que se vincularon todas as concesións que lle foron outorgadas, e polo que o organismo de bacía xa lle leva imposto varias multas coercitivas”.

RECUPERAR PARA USO PÚBLICO

De aí que Adega demande a retirada de todas as instalacións que son ilegalizables para “recuperar este treito do río Miño para uso público”. A plataforma cualifica de “cuestionables” as servidumes de obras que operan en favor da entidade deportiva. “Pensamos que no século XXI, e nun contexto global de cambio climático, xa non teñen cabida autorizacións ou concesións en dominio público hidráulico que traten de perpetuar para as vindeiras décadas zonas de baño privadas ou de uso exclusivo para uns poucos e obras que interrompen o acceso ou paso público á zona de servidume”

A nova chega nun momento en que, tamén de acordo coa plataforma, as institucións locais están a promover “de xeito desenfocado e errático a ocupación e alteración de novos treitos naturais do río Miño” para a creación dunha praia fluvial pública, “cando poderían estar apostando por fórmulas que permitisen o aproveitamento dos recursos xa existentes e que fosen satisfactorias para o conxunto da cidadanía”.

“Neste senso”, destacan, “é preciso destacar que o treito de río apropiado cando menos nos últimos 60 anos polo Club Fluvial é o único do Miño ao seu paso por Lugo que está recoñecido como zona de baño e que, por tanto, o único que conta coas mínimas análises e garantías de seguridade e de sanidade ás que obriga a lexislación vixente”, a diferenza das propostas de goberno e oposición, subliñan.

De aí que a plataforma esixe ao concello a presentación dunha solicitude de concesión para empregar o treito do río Miño ocupado polo club como zona pública de baño. “Neste mesmo trámite”, inciden, “o Concello tamén poderá solicitar a declaración de utilidade pública do proxecto e a imposición das servidumes que se consideren necesarias para poder converter ese treito fluvial en zona pública de baño”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here