InicioMedioambiente e Patrimonio“Lugo precisa un museo romano que sexa referencia cultural”

“Lugo precisa un museo romano que sexa referencia cultural”

O arqueólogo municipal Enrique González explica trinta anos de achados na cidade de Lugo, e que agora están expostos no Vello Cárcere

PUBLICADA O

- Advertisement -

Enrique González é o arqueólogo municipal de Lugo. Comezou a súa actividade na cidade como parte do equipo de Rodríguez Colmenero en 1986, e foi testemuña e partícipe das excavacións realizadas nos últimos trinta anos. E foi precisamente el o encargado de guiar a este xornal polo Vello Cárcere, que expón tres décadas dos traballos que desvelaron como era o Lugo romano.

Que motiva as primeiras excavacións hai tres décadas?

A casualidade a determinaron os propios aparcadoiros subterráneos, un proxecto de grande envergadura que xerou enorme polémica, e a raíz diso inicáronse as excavacións, de xeito sistemático a partir de 1986. Dalgún xeito aínda non estaba recollido o método, porque a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia aínda non estaba publicada, e se traballaba sobre a lexislación española.

Fixéronse normas provisionais para a excavación na cidade de Lugo, despois de cara aos noventa xa se comezaron a introducir normativas de carácter arqueolóxico; ata a aprobación en 1997 da que deu pulo ao traballo arqueolóxico, prohibindo o aproveitamento do subsolo, que impedía a conservación.

A primeira etapa entre o 87 e o 97 supón a consolidación da arqueoloxía urbana en Lugo, cando se realizan as excavacións máis importantes. É coincidente co boom constructivo, por mor das obras hai que facer excavacións, e por iso ese volume de excavacións coincide co fenómeno do ladrillo.

Detalle da exposición 'Desenterrar o Pasado' no Vello Cárcere de Lugo | OB
Detalle da exposición ‘Desenterrar o Pasado’ no Vello Cárcere de Lugo | OB

Tamén se deu a circunstancia de que eran excavacións relevantes: a finais do 86 aparece o mosaico de Armañá, levantado do seu sitio e que se trasladou ao museo. Inicialmente trasladouse a este edificio, que albergou en 1987 a primeira exposición arqueolóxica de Lugo, a raíz das primeiras excavacións. Paradóxicamente agora, trinta anos despois e cun formato distinto, a arqueoloxía volve ao Vello Cárcere.

Como eran as condicións de investigación e exposición?

Era todo novo. Nós estabamos acostumados á excavación en campo aberto, non estabamos habituados á excavación urbana, que era algo novidoso en Galicia. As condicións entre campo e cidade son moi diferentes, aquí hai uns condicionantes importantes. Estabas exposto ao público, rodeado de xente que non entendía que estabas a facer e chamábache a atención.

E loxicamente a primeira proposta de exposición, de 1987, foi posible porque o edificio estaba baleiro e había o suficiente volume de materiais excavados como para facer esa exposición. E pretendía amosar á cidadanía de Lugo que o que se fixera entre 1986 e 1987 era un importante traballo de arqueoloxía, pór en relevancia o que había baixo o solo da cidade.

O que había debaixo da cidade é a antiga cidade romana, Lucus Augusti, que xa se presupoñía. A muralla non rodeaba pallozas, na documentación histórica xa se coñecía a existencia da cidade, pero se descoñecía como podía ser. Había referencias, como amosa esta sala co mosaico achado en 1942, como as inscripcións da muralla, restos que apareceran de xeito esporádico. Pero non se tiña coñecemento da trama urbana.

Os primeiros anos xa deron datos abondo para saber como era o Lugo romano, como eran as rúas, as canles, comezouse a descubrir o acueducto do que xa se tiñan indicios. Durante a primeira década, todos os achádegos puxeron en relevancia a importancia desta cidade, con moitos dos equipamentos típicos: termas, baños, espazos públicos como o foro, que foi descuberto máis tarde, cloacas, canles, a domus cos seus mosaicos e pinturas murais.

Esta rede de información recabada durante os anos creou o mapa do Lugo romano, do que temos unha visión amplia pero do que queda moito por coñecer.

Cal é a diferencia entre os primeiros achados e os máis recentes?

Agora cando nos enfrontamos a unha excavación de restos romanos xa sabemos o que hai. Daquela eramos novatos, custábanos interpretar malia que tiñamos certo coñecemento. Co gran aporte de datos que hai da cidade, xa podemos presupoñer o que imos atopar. Sabemos da continuidade dunha rúa, ou como sucedeu na intervención da domus de Doutor Castro, sabiamos que había un mosaico. A experiencia de trinta anos permite afrontar as excavacións con outro criterio.

Que falta por explorar e coñecer de Lugo?

Falta por coñecer un pouco o territorio. O Lugo romano non é só cidade, supoñemos que na contorna tiña que haber asentamentos, algunhas vilas que xa coñecemos coma Santa Eulalia, outros vestixios amosados nas salas do Vello Cárcere, ou o castro da Piringalla, que sabemos que tivo continuidade durante a época romana.

Na cidade hai grandes incógnitas, como se tiña teatro ou anfiteatro. Non temos ata o de agora indicios da súa existencia, só hipóteses.

Se en 1987 había xa tal volume de material para expoñer, semella que Lugo precisa o denominado Museo da Romanización.

Efectivamente, non só polo volume de material, tamén porque un museo é algo máis ca un contedor. O museo ten que ser unha entidade de investigación, de restauración e conservación. Precisamos un centro de referencia cultural.

Tanto dá que se chame Museo da Romanización de Galicia ou Museo do Lugo Romano. Só co material do Lugo romano pódese facer un museo da romanización, porque é a referencia de Roma en Galicia, sen denostar outros xacementos arqueolóxicos importantes da comunidade; pero era a capital, e polo tanto os restos están á súa altura.

Alén dun centro de investigación, ten que ser un referente para a cidade, un activo cultural máis. Preguntáronme pola comparación co Museo Romano de Mérida, salvando as diferencias, porque é museo nacional e os restos non son equiparables, teñen outra identidade. Pero a unha escala menor, tería que ser algo semellante para o ámbito galego. É unha necesidade evidente, aparte da problemática de almacenamento dos restos, que están dispersos.

Será abondo coa superficie do cuartel de San Fernando?

Depende do proxecto. Un proxecto museográfico debe contemplar un crecimento futuro, depende de como se plantexe dende o punto de vista arquitectónico. Paréceme unha boa referencia en tanto que é un sitio céntrico na cidade, aínda que agora mesmo eu apostaría por calquera lugar, con tal de que se construíse.

Eu demandaría a construcción independentemente do sitio, se entramos en polémicas o único que facemos é demorar no tempo. Pasou co tema do auditorio e pasa con San Fernando.

Os problemas coma o do almacenamento logo soluciónanse, os edificios subsidiarios non teñen por que estar no propio centro. Non digo anexos, pero os servizos poden estar noutros espazos: ten que haber un centro de exposición principal, un centro administrativo, o de investigación, etcétera.  San Fernando é un referente porque xa está aí, hai un proxecto feito, e é unha oportunidade que non hai que perder.

Que supuxeron estas tres décadas como arqueólogo, e que descubriches sobre Lugo?

Para min Lugo foi unha escola. Eu son licenciado pola Universidade de Santiago, onde as primeiras experiencias foron traballos en castros e algún asentamento romano. Os primeiros anos de actividade en Lugo foron tan intensos que nos vimos obrigados a actualizar os datos e procurar novas referencias de excavación e documentación.

Ese enriquecemento desenvolveuse co paso dos anos. Tamén foi unha escola de vida, formeime como arqueólogo pero tamén desenrolei a miña actividade persoal e profesional. O que valoro hoxe é que Lugo, para ser unha cidade pequena, ten o seu potencial non só arqueolóxico, senón patrimonial e cultural. É un recurso ao que ten que darlle máis valor.

E para quen ten interese nesta mostra, por que debería visitala?

Para coñecer como foi o día a día da arqueoloxía ao longo de todos estes anos. Non tenta ser unha exposición arqueolóxica ao uso, aínda que coloquemos pezas e expliquemos o que son e como era a cidade romana. Para iso xa temos outros centros como Porta Miñá ou o Museo Provincial.

Queremos que a xente se achegue á arqueoloxía dende o cotiá, que mire como a xente excavaba, a curiosidade que levantaban aqueles traballos no seu día. Por iso lle damos valor ao documento gráfico, a parte da fotoreportaxe. A fotografía arqueolóxica recolle o máis importante e máis curioso, como o enterramento do esquelete, ou os restos dos mosaicos.

Queda moito por facer a pesar do que se fixo para a percepción colectiva da cidadanía, que agora aprecia a arqueoloxía con outra perspectiva.  Pretendemos con esta exposición e as actividades do Concello achegar a arqueoloxía a todo o mundo. Que entendan que é unha actividade cotiá, que o foi naqueles anos, que o día a día do arqueólogo nesa época éra ir á obra, picar e escoitar os comentarios da xente. Con perspectiva, aquilo resúltanos gracioso.

ÚLTIMAS

Mochilas sensorias neurodiverxentes nos Museos de Lugo

Os museos provinciais --Museo Provincial de Lugo, Museo do Mar de San Cibrao, Museo...

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...