José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil

Transición Ecolóxica renova as presidencias de cada confederación hidrográfica, posición de libre designación que depende do Ministerio

José Antonio Quiroga, parlamentario e secretario de organización do PSdeG, é o novo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil | PSdeG
José Antonio Quiroga, parlamentario e secretario de organización do PSdeG, é o novo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil | PSdeG

O Ministerio para a Transición Ecolóxica designou a José Antonio Quiroga presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Este nomeamento vai acompañado dos responsables da xestión das outras oito grandes divisións fluviais, movementos consecuencia do cambio de goberno.

Malia tratarse de postos de libre designación, a renovación das diferentes estruturas ministeriais adoita respectar as direccións técnicas. Neste caso, o departamento que dirixe Teresa Ribera xustifica a decisión polos desafíos ambientais. Segundo consta na nota oficial, Transición Ecolóxica procura “unha nova política da auga” a prol da sostenibilidade e a seguridade.

José Antonio Quiroga (O Saviñao, 1960) é o secretario de Organización do PSdeG. Licenciado en Xeografía e Historia, e graduado en Xeografía Rural, vencellou a súa carreira ao ensino, na docencia e na dirección. Así mesmo, dirixiu o Ecomuseo de Arxeriz, pioneiro en Galicia e adicado en parte á cultura fluvial do Miño-Sil. Tamén foi director do Servizo Público de Emprego na provincia de Lugo, e técnico de proxectos na Deputación.

Segundo informa GaliciaConfidencial, Quiroga deixará nos vindeiros días o escano no Parlamento de Galicia, onde era voceiro de Agricultura. A vacante a ocupará Patricia Otero, de Burela.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here