InicioCulturaFuxan os Ventos: «María Victoria Moreno foi parte desa xente que entra...

Fuxan os Ventos: «María Victoria Moreno foi parte desa xente que entra na idea que este grupo ten do país»

O grupo tradicional lucense pon música aos versos da homenaxeada neste Día das Letras. Pedro Lucas, que traballou con María Victoria Moreno, prefire salientar o seu papel coma activista do idioma e a literatura infantil e xuvenil

PUBLICADA O

- Advertisement -

Avisan de que non están a morrer, mais admiten que levan un tempo en stand by. Fuxan os Ventos acode á habitual cita co Día das Letras Galegas musicando un poema de María Victoria Moreno, con quen Pedro Lucas traballou asiduamente. Cada 17 de maio é ocasión para unha «canción-incursión» e deixar unha nova peza. «Non é algo oportunista», defende o compoñente do grupo lucense. Hai tempo que non están na loita, e non haberá máis actuacións en directo, o que non quita que a banda se xunte cando xorde unha boa idea.

«A nosa non foi unha relación directa nin enorme, pero si foi unha relación constante». Pedro Lucas, que pon voz e vento na formación tradicional, tratou coa homenaxeada por razóns profesionais, pois leva unha biblioteca de literatura infantil e xuvenil, e encargou a María Victoria diferentes textos no tempo. «Dende que lle adicaron o Día das Letras, comezamos a falar da posibilidade de musicar un poema dela. Xavier Senín, amigo de Fuxan, contactou co viúvo, quen estivo moi ilusionado co proxecto que logo sería o primeiro en escoitar o tema. «Quixemos manter relación coa familia».

Sobre o texto escollido, Pedro Lucas sinala que é un poema seleccionado porque expresa o sentimento dunha persoa vital pero diagnosticada de cancro, que aínda que acababa de casar novamente, sentía desacougo. «Sempre queda algo, quedas marcado polo proceso, cun lirismo que nos encantou dende o primeiro momento». E confesa que é un sentimento que coincide co que sinten agora en Fuxan coa música. Con todo, advirte: «Non estamos a morrer! Pero non somos a nova ola. Quen escribiu o poema é unha persoa que di o que eu podería estar dicindo, se o soubera expresar tan ben».

Para eles, cómpre resaltar que María Victoria foi sobre todo unha activista das letras, decisiva iniciadora dos cursos de inmersión ao galego. «Ás veces destácase de máis o de ‘unha extremeña que falaba galego’, porque é o máis vendible. Era extremeña de casualidade e descobreu o mundo do galego e a literatura galega en Lugo. Apostar polo idioma de aquí é importante, pero para min, é o menos que se lle podía esixir. É algo que non está normalizado», critica Pedro Lucas. Porén, prefire incidir na causa do galego no ensino «por influencia de Xesús Alonso Montero, cos cursos para a habilitación de docentes, e clases por toda Galicia de Literatura, Ortografía e Gramática».

Para Fuxan os Ventos, María Victoria Moreno «foi parte desa xente que entra na idea que o grupo ten do país, xente que pelea polo mesmo ca nós». En boa medida isto é debido á contribución da autora ao desenrolo da literatura infantil e xuvenil en galego. «A finais dos oitenta eran os profesores, coma o primeiro Premio Nacional, Paco Martín, logo Xabier Docampo, Agustín Fernández Paz… entre os cales estaba María Victoria, que era directora dunha colección de Galaxia, e fundadora de Galix».

Chegado o momento de musicar a obra de María Victoria, en Fuxan tiveron problemas porque «non ten tanta poesía, e non é fácil de musicar», lembrando que no Concerto das Letras de Pontevedra traballaron sobre versos soltos, e non textos completos. «Non todos os homenaxeados son Manuel María –bromea Pedro Lucas–, con tanto xogo para a música». Así as cousas, valorou as posibilidades que ofrece musicar un poema para chegar a máis xente, en especial os máis novos. E mostrou satisfacción polo feito de que «por primeira vez a literatura infantil e xuvenil está correctamente representada» nas Letras Galegas, festa que reivindicou coma «oportunidade de chegar a máis xente, de coñecer aos autores, e de sacar traballos adiante».

ÚLTIMAS

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...

Rexeitamento da Deputación de Lugo á instalación da planta Altri en Palas

A Deputación de Lugo manifestou a súa oposición á planta de Altri no municipio...