InicioPolíticaO goberno provincial terá que solventar o pago das nóminas de Suplusa

O goberno provincial terá que solventar o pago das nóminas de Suplusa

O pleno da Deputación encomenda ao executivo atopar unha solución á vacante da interventora, que debía fiscalizar o pago das nóminas de xullo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Case cinco horas despois da hora de inicio da sesión, o pleno da Deputación aprobou a moción de urxencia do Partido Popular que insta ao executivo provincial a solucionar o pago das nóminas da sociedade lucense do solo, Suplusa. Esta circunstancia produciuse logo da dimisión da interventora por motivos persoais, deixando sen fiscalizar os pagos aos traballadores correspondentes ao mes de xullo.

Antes de que comezara o pleno, o presidente da Deputación, Darío Campos, afiromu que Suplusa é unha sociedade mercantil, e polo tanto ten personalidade xurídica e recursos propios para solventar o pago das nóminas. Replicaba así á denuncia de Manuel Martínez, presidente do ente, quen aseguraba que o goberno provincial empregara a dimisión da interventora para desestabilizar Suplusa.

Xa durante a xuntanza plenaria, Martínez afirmou que a autoridade provincial tenta “crear un problema en Suplusa a costa dos 29 traballadores mileuristas”. Baseou a súa argumentación en que o executivo, ao non substituír a vacante da intervención, convida a pagar sen fiscalización e, polo tanto, á comisión dun delito. Unha chantaxe en palabras do rexedor de Becerreá.

Para a voceira e presidenta do Partido Popular, Elena Candia, a Deputación está obrigada a nomear outra persoa responsable da fiscalización. Este mecanismo sería semellante á resposta outorgada ás peticións dos concellos con problemas para solventar este tipo de cuestións de secretaría e intervención. Así, dende a bancada popular defenderon como solución a aplicación da base 35 dos estatutos de Suplusa. “Os cartos saen dos orzamentos da Deputación e os deputados son responsables de que os traballadores cobren”, esgrimiu.

Candia dixo compartir o nomeamento accidental como solución provisional, que mencionara previamente o representante do Bloque Nacionalista Galego. Así, dende a fronte nacionalista piden un informe do secretario xeral da Deputación para que se tome “unha decisión coherente sen perigo de ilegalidade, pedilo xa e resolvelo en dous días”.

Pola súa banda, o voceiro e secretario xeral dos socialistas, Álvaro Santos, coincidiu en pedir ese informe, pero cargou contra o consello de administración da sociedade do solo, onde o Partido Popular ten maioría. “En Suplusa saberán por que non se adoptaron medidas, teñen número suficiente para pedir xuntas extraordinarias no Consello de Administración, podería estar resolto”. O representante do PSdeG advertiu de que os traballadores “están sendo utilizados” para danar ao executivo provincial.

“Teñen a capacidade, sábeno facer, poden nomear mañá un interventor accidental e pagar as nóminas”, continuou Santos. “A xente sabe que o disparate  de Suplusa é posible grazas ao Partido Popular. Crearon un problema e teñen que solucionalo”. Así, o representante do PSdeG advertiu de que o pronunciamento da Deputación podería resultar irregular. Con todo, a moción resultou aprobada co único rexeitamento do grupo socialista.

 

Reparo de legalidade a que Suplusa teña competencias en enerxía

A proposta de Manuel Martínez para que Suplusa obtivese encomendas en enerxía resultou aprobada malia o reparo de legalidade do secretario, que se baseou nun informe anterior. A proposta é manifestamente ilegal nos termos especificados, informou o secretario. O Partido Popular enmendou a proposta para que só se poida aplicar o acordo dentro da legalidade.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...