O pleno da Deputación aproba a disolución da Fundación TIC

A integración das competencias e dos 35 traballadores saíu adiante coa abstención do Partido Popular e depende agora do padroado da Fundación TIC

A proposición de disolución da Fundación TIC foi defendida polo secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos | Óscar Bernárdez
A proposición de disolución da Fundación TIC foi defendida polo secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos | Óscar Bernárdez

A proposta do Partido Socialista para a disolución da Fundación TIC foi aprobada polo pleno da Deputación coa abstención do Partido Popular. Esta iniciativa obedece a un criterio de racionalización de estruturas acordado co persoal do ente. A supresión de duplicidades abre a porta, na medida en que o permita a masa salarial, a realizar a equiparación dos emolumentos dos 35 traballadores cos estándares da autoridade provincial.

Tal e como explicou o voceiro e secretario xeral dos socialistas lucenses, Álvaro Santos, a aprobación da disolución e a asunción das competencias é un paso máis de cara á integración da Fundación TIC no esquema da Deputación de Lugo, logo da modificación dos estatutos e o informe técnico sobre as posibles solucións. Será o padroado da entidade benéfico-docente a que terá que ratificar este proceso para que o 1 de xaneiro de 2019 sexa culminado.

Este acordo inclúe a obriga de informar a todos os grupos dos avances na comisión técnica, e a enmenda dos populares pola que a corporación aprobará un regulamento co que evitar que este servizo poida servir para a promoción do executivo provincial. Este punto foi preciso para que a bancada popular permitira a aprobación.

O deputado non adscrito e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, expresou o seu receo sobre o emprego da Fundación TIC “para gloria do presidente”. A voceira do Partido Popular, Elena Candia, censurou a tardanza dos socialistas en presentar a proposta de disolución, que cualificou de pouco concreta, e pediu a  adecuación da Relación de Postos de Traballo e a realización dunha memoria económica pola “importante magnitude” de gasto anual da entidade, que é de preto de 1,6 millóns de euros. O voceiro socialista replicou que estas matizacións son unha terxiversación sobre o trámite, un máis do proceso previamente acordado.

3 COMENTARIOS

  1. finiquitar? ven das palabras ‘fini’ e ‘quito’? Senón, que alguén me explique por que estes supostos escribidores (xornalistas é moito chamarlle) inventan palabras como lles peta!

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here