Casado releva a Barreiro como voceiro popular no Senado

O novo presidente do Partido Popular prescinde do lucense en favor de Ignacio Cosidó, parte do seu equipo de campaña

Pablo Casado releva ao lucense José Manuel Barreiro como voceiro no Senado | Óscar Bernárdez
Pablo Casado releva ao lucense José Manuel Barreiro como voceiro no Senado | Óscar Bernárdez

Baixo o mantra da integración, Pablo Casado resultou elixido presidente do Partido Popular. Existían dúbidas acerca de que cota de poder acadaría María Dolores de Cospedal e cal mantería Soraya Sáenz de Santamaría. Porén, estaba claro que o que fora xefe de gabinete con José María Aznar traería canda si un novo equipo. E un dos damnificados resultou ser o lucense José Manuel Barreiro, ata o momento voceiro no Senado.

Certo é que Barreiro amosou máis cercanía cara a Sáenz de Santamaría durante o heterodoxo proceso de elección. Durante a campaña en Lugo da exvicepresidenta do goberno, o senador arropouna durante o paseo polo casco vello, compartiu con ela a comida e tamén estivo en primeira fila durante o acto na sede provincial do Partido Popular.

Este xesto foi alén da cordialidade institucional que amosaron outros cargos orgánicos, como Miguel Tellado, secretario xeral dos populares galegos, Elena Candia, presidenta do partido en Lugo, ou Antonio Ameijide, voceiro da formación na corporación local. Mentres Tellado e Candia exercían de mestres de cerimonia, Barreiro abandonaba en ocasións o segundo plano para conversar con Sáenz de Santamaría. Os dous acadaran o cumio das súas carreiras co prace de Mariano Rajoy, en 2011.

Investido de plenos poderes para estruturar o partido, Pablo Casado deixou parte da directiva en mans dos próximos a Cospedal, aliada imprescindible no corpo a corpo con Sáenz de Santamaría, e premiou aos seus no reparto do resto de cargos.

Así sucedeu co director de campaña, Teodoro García Egea, novo secretario xeral; co seu firme apoio na directiva, Javier Maroto, agora responsable de organización; e con quen o acompañou dende o inicio do proceso, Ignacio Cosidó, que substitúe a Barreiro na portavocía do Senado.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here