InicioPolíticaOs acordos de cara ás municipais fan de Lugo o bastión de...

Os acordos de cara ás municipais fan de Lugo o bastión de En Marea

En Marea consolida a posición na provincia e garante a fidelidade de Lugonovo, que manterá a personalidade xurídica e prepara xa o formato de primarias para outubro

PUBLICADA O

- Advertisement -

O acordo para as eleccións municipais entre Lugonovo e En Marea é oficial. Seguindo a estela das mareas do Salnés, a formación lucense concorrerá nos comicios locais baixo o paraugas do partido instrumental, sumando esforzos na provincia para acadar representación na Deputación, aínda que conservando a marca e a forma xurídica. As seguintes serán as agrupacións de Sarria e as da Mariña.

A sinatura do protocolo contou coa presencia do voceiro nacional de En Marea, Luís Villares, e dos tres representantes de Lugonovo na corporación local: a voceira, Cristina Pérez Herráiz, a vicevoceira da coordinadora de En Marea, Victoria Esteban Riesco, e o encargado da organización de Lugonovo, Víctor Álvarez.

Así mesmo estiveron arroupados pola parlamentaria de En Marea por Lugo, Paula Vázquez Verao, exconcelleira por Agroma Sober e militante de Cerna; o representante da agrupación de Mondoñedo, Manuel Germade; por En Marea Sarria, Patricia de la Fuente Vila; e o parlamentario pola Coruña, Pancho Casal.

A vicevoceira da coordinadora de En Marea, Victoria Esteban Riesco, e a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, ambas concelleiras en Lugo | OB
A vicevoceira da coordinadora de En Marea, Victoria Esteban Riesco, e a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez Herráiz, ambas concelleiras en Lugo | OB

A proximidade histórica de Lugonovo con En Marea quedou deste xeito certificada de cara ás municipais. Logo de sufrir a escisión da facción de Podemos, que supuxo a marcha de Iñaki García, propios e alleos esperaban esta concorrencia. Ninguén agocha que o obxectivo agora é acceder á Deputación, gañando peso decisorio na provincia a costa da lea dos socialistas co bando díscolo de Manuel Martínez.

Esta unión estratéxica segue as liñas marcadas polos inscritos de ámbalas partes. Conservarase a marca Lugonovo dentro do paraugas de En Marea, que no que resta de mes aspira a ir consolidando as agrupacións illadas da provincia de Lugo con novos encontros intermareais. A vindeira incorporación será a de Sarria. Despois, probablemente xa en setembro, chegará a vez das comarcas da Mariña, Lemos e Chantada.

Cando o espazo rupturista oficialice a súa implantación en terras lucenses, será o tempo para as primarias en Lugonovo, que de seguro quedarán para outubro. Agora mesmo están a preparar as bases do proceso. A prioridade é replicar o proceso participativo, claro e transparente, pero evitando os personalismos que retorceron as listas presentadas en 2015.

Víctor Álvarez durante a sinatura do acordo entre Lugonovo e En Marea | OB
Víctor Álvarez durante a sinatura do acordo entre Lugonovo e En Marea | OB

Din en Lugonovo que aprenderon moito, tanto no orgánico coma con respecto a outros partidos. Perderon a inocencia a base de soportar ataques e deglutir promesas incumpridas. E teñen cada vez máis claro que deben deixar de ser oposición para ter influencia nas decisións. Contan con volver a ser decisivos nas municipais e aspiran a participar dun eventual goberno.

Pola súa banda, En Marea agardará a ver que sucede no congreso previsto para outubro antes de mudar o rumbo. En Lugo pechan filas arredor de Luís Villares, que conta coa fidelidade do aparato da marea e da organización de Lugonovo. E dentro de En Marea consideran que os obstáculos proveñen dos partidos que forman a confluencia, e non da dirección.

É por iso que rexeitan incorporarse á mesa de diálogo proposta por Compostela Aberta, que cualifican de reunión de notables. A plana maior de En Marea entende que o formato da xuntanza deixaría fóra aos non militantes, coma o propio Luís Villares. E malia coincidir na necesidade de dialogar, insisten en que a proposta terá que pasar polo vindeiro plenario de outubro. Ata entón, a dirección manterá o curso.

ÚLTIMAS

Investigados dous lucenses tras atopar un can abandonado que fora dado de baixa por falecemento

A Garda Civil investiga a dous veciños das localidades lucenses de Castroverde e do Corgo como supostos autores...

Declaran extinguido o incendio da Fonsagrada tras queimar 65 hectáreas

O incendio do municipio lugués da Fonsagrada quedou extinguido na tarde...

Greenfiber quere mostrar a empresarios de Lugo a achega de Altri á economía local

A sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Cámara de Comercio de...

A muller de Lugo que denunciou á súa ex parella declara que tentaba forzala “todas as noites”

A Audiencia Provincial de Lugo acolleu este xoves o xuízo contra un home de...