Achan restos arqueolóxicos durante as obras de peonalización en Quiroga Ballesteros

Aparece un muro romano, probablemente parte do hipocausto dunha domus. A súa descuberta xa estaba prevista, aínda que non se coñecía a localización exacta.

Restos achados en obras de Lugo | CONCELLO DE LUGO

As escavacións realizadas polas obras de peonalización na rúa Quiroga Ballesteros (Lugo) revelaron a presenza de varios restos arqueolóxicos, tanto dunha muralla como de diversas pezas de cerámica.

Os traballos sacaron á luz o muro dunha ‘Domus’ romana que está situada sobre todo baixo o centro social ‘Uxío Novoneyra’ e que se correspondería cos restos do hipocausto (sistema de calefacción).

Este mesmo luns recolléronse restos de cerámica deste sistema que foron danados durante a instalación das canalizacións antigas, que permanecían á beira do muro achado e que serán trasladadas ao Museo Provincial. Así mesmo, os restos protexeranse cunha lámina xeotéxtil e cubrirase con area.

De cara ao futuro poderase realizar unha escavación importante nesta zona que incluirá gran parte da ‘Domus’ situada baixo os soportais do ‘Uxío Novoneyra’ e do Mercado Municipal.

O edil Rubén Arroxo explicou que a peza en cuestión “xa estaba documentada”, polo que estaba previsto o seu descubrimento tarde ou cedo coa realización dos traballos. En todo caso, as obras continuarán “ao mesmo ritmo que ata agora”.