A covid dá un descanso en Lugo mentres avanza sen freo en Galicia

Hai 32 hospitalizados e 34 novos positivos.

Un profesional sanitario prepara a padiola para baixar da ambulancia a un paciente con Covid-19 / Europa Press

Galicia detectou outros 525 positivos por Covid-19, deles 137 na área de Vigo, e supera os 7.000 casos activos ao situarse con 7.074, o que supón un incremento de máis de mil desde o venres pasado.

Así se desprende dos datos actualizados na mañá deste martes na web da Consellería de Sanidade con cifras ata as 18,00 horas deste luns, nas que se constata que esta segunda onda rexistra a cuarta cifra máis elevada da pandemia en Galicia en canto a positivos confirmados por PCR en 24 horas cos 525; tras os 687 do sábado 24 de outubro, os 603 do luns pasado e os 597 do domingo 25. Na primeira, o volume maior corresponde ao 29 de marzo, con 516.

Por áreas sanitarias, en Vigo detectáronse 137 positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas; 86 na da Coruña e Cee; 73 na de Ferrol; 69 na de Ourense; 66 na de Pontevedra e O Salnés; 60 na de Santiago e Barbanza; e só 34 na de Lugo.

En canto aos casos activos, que aumentan en todas as áreas sanitarias galegas, soben en 115 na de Vigo ata os 1.358; a de Ferrol suma 58 ata os 546; a de Pontevedra rexistra 727 –44 máis–; a da Coruña conta con 1.201 –outros 34 máis–; a de Ourense sobe en 33 ata os 1.423; e a de Santiago e Barbanza ten 1.128, o que supón seis máis que o luns.

Ata a data na Comunidade galega curáronse 25.804 persoas, o que supón 219 que os rexistrados ata este luns. E leváronse a cabo 646.233 PCR fronte ás 640.621 contabilizadas a xornada anterior.

HOSPITALIZADOS

As persoas con Covid-19 ingresadas en hospitais en Galicia seguen en aumento e sitúanse en 459, o que supón 15 máis que este luns, deles 58 en UCI –tres máis–. Así se desprende da información actualizada na páxina web da Consellería de Sanidade na mañá deste martes, con datos recolleitos ata as 18,00 horas deste luns, nos que se constata un aumento de 12 pacientes en unidades de hospitalización convencionais ata os 401.

Pola súa banda, na área de Lugo, A Mariña e Monforte as persoas con Covid hospitalizadas baixan a 32 –un menos–, delas dous seguen en UCI e 30 noutras unidades de hospitalización. Ata o momento curáronse 3.229 persoas e feito 74.727 PCR.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here