InicioEconomíaUn novo parque infantil, nova vida para a Tinería?

Un novo parque infantil, nova vida para a Tinería?

Lugo Monumental pide transformar a mala imaxe dun solar abandonado na Porta do Carme e "levar vida" ao histórico barrio da Tinería

PUBLICADA O

- Advertisement -

A asociación empresarial Lugo Monumental pedirá ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia que aclaren a titularidade do solar canda a Porta do Carme. A interpelación sería un primeiro paso para abordar a construcción dun parque infantil nesta superficie abandonada  da Tinería, medida que “levaría vida” a este histórico barrio.

Esta parcela era un xardín de arredor de 190 metros cadrados, mais hoxe presenta un aspecto que Lugo Monumental cualifica de “lamentable”. A agrupación dos empresarios do casco vello considera a ubicación “estratéxica” dentro do barrio: atópase á beira da Porta Miñá –recén excavada e posta en valor– e no traxecto entre o acceso ao adarve da Muralla na Tinería e en pleno Camiño Primitivo.

Dende a asociación abogan por que a administración propietaria aporte fondos ou un convenio de colaboración para instalar un parque infantil. O novo servizo “pretende normalizar a convivencia no barrio e enchela de vida”, loitando así “contra a mala imaxe da zona, que aínda persiste”.

Para Lugo Monumental, a revitalización deste punto suporía un paso máis na estratexia para recuperar o barrio, xunto coas vivendas rehabilitadas pola Xunta de Galicia e a iniciativa do viveiro de empresas do Concello de Lugo, que os empresarios apoian ao tempo que instan ao goberno local a permitir a prórroga nos alugueres.

Na asociación esperan que a proposta sexa escoitada polas administracións, ao contrario que outras peticións deste colectivo. Lugo Monumental solicitou no pasado a apertura dunha oficina da Policía Local na Tinería, aproveitando os locais que o executivo autonómico posúe no barrio; a oficina solucionaría, segundo a organización empresarial, os problemas para a expedición de documentación para o fogar do transeúnte. E coincidindo cunha das cen medidas presentadas polos investigadores Polín e Vilela para a valorización do Camiño Primitivo, suxeriron pór en funcionamento a fonte da Pinguela.

 

Outras propostas de parques infantís

O Partido Popular de Lugo propuxo tres novas alternativas para situar parques infantís na contorna de Fontiñas, en Soto Freire e en Quiroga Ballesteros.

O voceiro do Partido Popular en Lugo, Antonio Ameijide (dereita)
O voceiro do Partido Popular en Lugo, Antonio Ameijide (dereita)

A primeira implicaría acondicionar unha zona recreativa na explanada de 1.600 metros cadrados que hai na Ronda de Fontiñas entre o Carril das Flores e o de Caiñós. Segundo xustificou o voceiro Antonio Ameijide, “a única oferta de parques que hai para Fontiñas é a dos Paxariños, que está completamente abandonado, e unha zona mínima ao pé do Centro Maruja Mallo que é insuficiente para dar servizo aos veciños do barrio”. De xeito complementario, os populares instan a montar un parque biosaudable para adultos.

Outro emprazamento no que propoñen intervir é na rúa Soto Freire. “Falamos de 2.200 metros cadrados de explanada, nunha zona que está medrando, e que dende o Grupo Popular pensamos que podería ser unha localización excelente para un segundo parque infantil e zona biosaudable”. 

Por último, o terceiro parque infantil ocuparía a zona que o Concello está a arranxar na parte posterior do Cuartel de San Fernando, logo de demoler as antigas caballerizas, almacéns e lavandería. “Trátase dun espazo duns 900 m2 ubicados na rúa Quiroga Ballesteros entre as rúas Amor Meilán e San Froilán”.

Ameijide explicou que este espazo público dinamizaría a actividade socieconómica da zona, punto estratéxico por estar situado próximo a zonas peonís e cun colexio no entorno. Os populares afirman que daría servizo ao casco histórico na que só hai dous parques infantís “que habitualmente están saturados” en Campo Castelo e Cantiño. Por outra banda, o PP lucense urxe a cobrer a zona de xogos de Augas Férreas.

ÚLTIMAS

Polémica por 300 hectáreas de monte veciñal no paraíso hippie de Negueira de Muñiz

É posible atopar restos de neve nos costados da sinuosa estrada que descende desde...

O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta alegacións ao proxecto de Altri en Palas e pide máis información

O Colexio oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) acordou presentar alegacións ao Estudo de...

O vello profesor Xesús Alonso Montero volta ao seu instituto de Lugo para unha gran homenaxe

O destacado escritor, lingüista, profesor e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús...

O BNG urxe ao Ministerio de Transportes realizar actuacións na N-6 ao seu paso polos concellos lucenses

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou varias iniciativas na cámara baixa...