“Non somos moi conscientes dos aproveitamentos do sol na vida cotiá”

Alba Veiga explica os pormenores do I Conéctate ao Sol, que organiza Adega este venres en Lugo seguindo os éxitos dos encontros da Coruña e Compostela

Encontro sobre a enerxía do sol organizado por Adega en colaboración coa Universidade da Coruña
Encontro sobre a enerxía do sol organizado por Adega en colaboración coa Universidade da Coruña

Este venres Lugo vivirá a primeira xornada do encontro solar organizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). O I Conéctate ao Sol, con actividades os días 13 e 18 de xullo, pretende fomentar o coñecemento sobre os usos desta enerxía no presente e explicar os seus potenciais. A organización ecoloxista repetirá a fórmula dos eventos desenvolvidos con éxito en Santiago de Compostela e A Coruña. Alba Veiga, de Adega, resume estas experiencias e explica o formato do inminente encontro na cidade amurallada.

O obxectivo da Asociación é levar as actividades realizadas na capital galega e na cidade herculina –onde van xa seis edicións co apoio da Universidade da Coruña–, e recoller o precedente dos encontros solares realizados pola Deputación. Se ben estes eran semellantes en concepto, será a primeira vez que Adega poña o seu saber para facelo máis atractivo para todos os públicos.

“A nova proposta é combinar actividades de varios tipos, e aberto a todo tipo de públicos, adultos e nenos”. De aí que idearan “algo práctico”, como é o obradoiro deste venres día 13 de xullo, que consistirá en construír un forno solar. “Ou iniciar, porque probablemente non dea tempo a rematalo”, avisa Veiga. Será ás 17.30 no local de Adega na Ronda Fontiñas, 180.

Encontro Solar na Coruña | Adega
Encontro Solar na Coruña | Adega

“Unha vez que chamamos a atención da xente, para construír o forno, que mellor que amosar na práctica que se pode cociñar co sol“. Dende o colectivo realizan un chamamento á xente “que cremos que estará máis motivada logo de construír o seu propio forno”, para repetir o día 18 na xuntanza de cociña.

A planificación responde ao obxectivo primordial de espallar distintos aproveitamentos da enerxía do sol na vida cotiá, “porque ás veces non somos moi conscientes deles”. Por este motivo, Adega incluirá outro tipo de actividades.

É salientable o percorrido que farán polo casco vello da cidade grazas aos expertos do Colexio de Arquitectos de Lugo, Raúl Veiga Lamelas, presidente do órgano, e José María Alonso Montero, autor da rehabilitación da Catedral lucense. Repasarán os tipos de construcción, a orientación dos inmobles, a forma das galerías, ou como a Catedral regula a súa temperatura.

“É un xeito de velo dende distintos eidos, todo vencellado ao potencial enerxético solar”. Dentro do programa está prevista tamén unha visita ao Museo Provincial. No claustro está exposta unha colección de 42 reloxos solares.

Encontro Solar na Coruña | Adega
Encontro Solar na Coruña | Adega

De xeito resumido, a segunda xornada do mércores 18 aspira a ter actividade todo o día. Os promotores montarán a exposición ás 10.30 horas, con dous postos informativos. O primeiro é da propia Adega, constando de cinco paneis que falan da importancia do sol na nosa vida, e do seu potencial a nivel enerxético.

O segundo panel corresponde á sociedade colaboradora, a cooperativa galega A Nosa Enerxía, que aposta pola enerxía renovable como medida medioambiental e de aforro económico. Os seus membros participarán da construcción dos fornos solares e, xa durante a exposición, explicarán as vantaxes de asociarse.

Pouco despois, ás 11.00, convocarase aos participantes para comezar a cociñar. Este “acto social” rematará nun xantar colectivo. “Como o proceso é lento, porque o cociñado ao sol é máis lento, ás 12.00 faremos a visita polo casco histórico centrándonos no aspecto arquitectónico. Despois de xantar, ás 14.30 horas, iremos ao Museo”, resume Veiga.

O obradoiro non especifica a quen vai dirixido, “pero a idea inicial era que viñese grupos familiares, aproveitando que os nenos están de vacacións“. Así, explica, poden aproveitar venres á tarde implicándose na construcción dun forno solar, sempre coa supervisión dun adulto.

Para facelo máis atractivo para os cativos, no posto informativo de Adega haberá unha mesa de experimentación. A dinamización de Adega consta de xoguetes que funcionan a enerxía solar “e unha casiña de xoguete, unha maqueta dunha vivenda bioclimática”. O estilo da exposición baséase en debuxos, non é formal, para que os rapaces poidan verse atraídos pola súa sinxeleza. 

Gostariamos de que fose unha actividade que tivese continuidade“. O primeiro ano é experimental, “a nivel pequeno”. O desexo é que a progresión resulte semellante a dos Encontros Solares da Universidade da Coruña, que foron acadando maior magnitude “e xuntan xa setenta e pico fornos”. O I Conéctate ao Sol será “unha pequena demostración pero esperamos que resulte atractivo e a xente se implique, tamén con novas actividades en sucesivas edicións“.

1 COMENTARIO

  1. […] Este venres Lugo alberga o I Conéctate ao Sol, o encontro solar organizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega). Parte do programa da primeira xornada corresponde ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), que estará representado por dous expertos durante un paseo-coloquio acerca do aproveitamento da enerxía no casco vello. Nel participará o presidente da delegación do COAG en Lugo, Raúl J. Veiga, que atendeu a este xornal para contextualizar a arquitectura da cidade. […]

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here