A Policía tramita sete denuncias a persoas que non levaban máscara por rúas de Lugo

O uso desta medida de protección é obrigatorio.

Unha rapaza camiña pola rúa con máscara | © Miguel Núñez

A Policía Local de Lugo tramitou sete denuncias a persoas por non usar máscara na vía pública, no marco dun dispositivo para o control do emprego desta establecido polas autoridades sanitarias.

Segundo informou a Policía Local, este pasado mércores 1 de xullo efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio despregou un dispositivo para o control do uso de máscaras nas rúas da cidade, no marco do que realizou sete actas por infracción á Lei de Saúde de Galicia.

As mesmas fontes explicaron que as actas de infracción tramitáronse ao detectar a persoas que se achaban en vía pública que non usaban a máscara de protección e non se atopaban en ningunha das causas de exención contempladas no Real Decreto Lei 21/2020.

OBRIGATORIA

Por iso, a Policía Local de Lugo lembra “a todos os cidadáns” que o uso de máscara “é obrigatorio”. A norma autonómica establece “que non é posible garantir o mantemento dunha distancia de seguridade interpersoal de, polo menos, 1,5 metros sempre que se transite ou se estea en movemento pola vía pública e en espazos ao aire libre”. Se pola concorrencia doutras persoas non se pode garantir en todo momento o mantemento da distancia de seguridade, levar máscara vólvese imprescindible.

Así mesmo, incide en que “é obrigatorio o uso de máscara sempre que se estea en espazos pechados de uso público ou que se atopen abertos ao público podendo concorrer no mesmo espazo con outras persoas usuarias”. Agás, matiza, “que se poida permanecer sentado se por parte da persoa titular do espazo se adoptan as medidas que garantan en todo momento o mantemento da distancia de seguridade interpersoal entre as persoas usuarias”.