Lugo presenta dous programas de conciliación para os meses do verán

Os espazos naturais e exteriores serán os protagonistas de 'Aulas abertas' e 'Aprende xogando' co gallo de garantir a seguridade dos máis pequenos. En total, ofértanse case 200 prazas, pero os grupos non superarán as dez persoas.

Unha persoa adulta camiña cun neno | Arquivo

O Concello de Lugo presentou este luns os seus dous programas de actividades para os máis pequenos pensados para facilitar a conciliación das familias durante os meses de verán. ‘Aulas abertas’ e ‘Aprende xogando’ son os dous proxectos previstos, que se desenvolverán baixo “unhas condicións de sanidade e hixiene óptimas”.

Así o trasladou a alcaldesa Lara Méndez nunha rolda de prensa telemática na mañá deste luns. A rexedora sinalou que os meses de confinamento evidenciaron que os pequenos, como a “poboación máis fráxil”, merecen maior atención e máis peso na “reformulación do benestar e o coidado da infancia”. Así, coida que os programas de conciliación “son agora máis necesarios ca nunca”.

Por iso, propóñense actividades en pequenos grupos de como máximo dez persoas. Haberá, en total, case 200 prazas para que nenas e nenos poidan desfrutar en espazos abertos, especialmente naturais. A alcaldesa lembra que o virus se trasmite con “máis dificultade no exterior” ca en espazos pechados, así que primaranse este tipo de contornas á hora de desenvolver as actividades lúdicas e de aprendizaxe.

Para a execución dos programas contaraseco equipo de educadores e pedagogos do Proxecto Nenea en Lugo, que impartirán formación específica aos monitores, tanto para abordar as actividades coas medidas de seguridade necesarias, como para deseñar a programación e adaptala aos ámbitos urbanos e naturais.

O prazo de inscrición, que se realizará a través de correo electrónico, comezará este martes e estará aberto ata o día 21 de xuño.