InicioMovementos sociais"A presidencia do Colexio de Veterinarios de Lugo é un cargo goloso"

“A presidencia do Colexio de Veterinarios de Lugo é un cargo goloso”

Os críticos coa presidenta Ana López Pombo, edil popular en Lugo, lamentan que rexeitara convocar a moción e decidira acudir á xustiza

PUBLICADA O

- Advertisement -

A xustiza terá que dirimir o destino do Colexio de Veterinarios de Lugo. A decisión do Consello Galego non foi acatada pola presidenta do organismo lucense, Ana López Pombo, que presentou un recurso para así evitar a convocatoria da moción de censura. Este movemento chega despois das presións dos críticos para que aceptara unha moción de confianza, logo de que as contas de 2017 e 2018 foran rexeitadas. Para aclarar a situación do órgano colexial, este xornal acudiu a Andrés García, membro da agrupación Colvet Lugo Democrático.

Tal e como explica, o conflito nos veterinarios de Lugo vén de lonxe, dende antes da asamblea ordinaria de xuño do ano pasado. Entón, López Pombo enviou aos colexiados unha carta con membrete do Partido Popular, formación pola que é edil no Concello de Lugo. Xa durante dita sesión, a presidenta denegou quendas de palabra e negouse a respostar a varias preguntas. Na seguinte sesión, celebrada en decembro do mesmo ano cunha gran asistencia, os colexiados rexeitaron aprobar a acta da asamblea anterior porque non recollía as irregularidades citadas. E tampouco saíron aprobados os orzamentos para 2018, deixando as contas prorrogadas.

Esta inestabilidade conduciu á dimisión de tres membros da xunta de goberno. Nas eleccións parciais resultaron elexidos por amplia maioría sendos membros da candidatura Colvet Lugo Democrático (CLD), colectivo oposto a Ana López Pombo que defende eleccións inmediatas e incompatibilidade entre postos políticos e os cargos directivos no Colexio. En consonancia coa situación, presentáronse sinaturas abondo como para forzar a celebración do debate sobre a moción de censura.

“Nós presentáramos as sinaturas necesarias para a moción de censura, pero non foron admitidas. Dixeron que tiñamos que ratificar a súa validez mediante acta notarial, e non hai ningunha lei na que conste iso”. En resposta, CLD recorreu a decisión ao órgano superior, o Consello Galego de Veterinarios. Pero naquel momento Ana López Pombo era a vicepresidenta do Consello, “polo que non tomaron ningunha decisión ao respecto”. A composición do Consello mudou en marzo, e foi entón cando se transmitiu á presidenta do Colexio de Veterinarios de Lugo a obriga de convocar a moción de censura.

“A presidenta fixo oídos xordos, non recoñeceu a notificación”. A situación complicouse porque agora terá que intervir a xustiza. “Aínda non convocou esa asamblea extraordinaria e agora aprobouse en xunta de goberno que presentarán un recurso contra a decisión do Consello”. Andrés García advirte de que a xudicialización pode conseguir que a presidenta poida aferrarse ao posto. “Se o xuíz admite a trámite ese recurso, posiblemente nin a presidenta nin nós estaremos xa na xunta de goberno cando chegue a decisión xudicial. Quedan case dous anos de mandato”.

Antes de acadar este punto, CLD fixo un ofrecemento. “En xunta de goberno propuxemos á presidenta que presentase unha moción de confianza. Que a asamblea dixera se quere que siga esta xunta de goberno. Se a gañaba, os tres de CLD dimitiríamos e habería que convocar eleccións para eses postos, pero a presidencia seguiría cunha xunta afín; e se perdía, tería que dimitir e convocar eleccións abertas a todas as candidaturas”. Pero tanto a presidenta como os outros catro membros da xunta de goberno declinaron esa opción.

O desacougo dos veterinarios lucenses aumentou coa convocatoria da asamblea ordinaria de xuño, ás dúas e media da tarde dun mércores. “Nunca antes se convocara unha asamblea a tales horas. A presidenta dixo que era porque había colexiados que así o pediran, xente que quería vir e que ás oito da tarde lles viña moi mal”. García abstívose porque “non tiña por que non crela”. Porén, despois non foi así

“Á maior parte dos que nos adicamos a traballar con vacas nos vén moi mal, en especial á xente que traballa na costa, ou en Monforte… porque deixas desatendido durante varias horas o teu traballo estando a unha hora e pico de distancia”. Todo foi unha manobra. “Tentou evitar que non se persoasen gran parte dos críticos, pero lle saiu mal. O descontento é grande e os seus apoios non son tal”, afirma.

Na sesión de finais de xuño botáronse abaixo as contas do ano 2017, porque había cousas que non estaban claras. “No informe de auditoría aparece unha suposta débeda co Consello Galego non reflictida na contabilidade. As contas non se aprobaron, con cincuenta e sete votos en contra e trece a favor”, o que, insiste, “demostra os escasos apoios da presidenta”.

O mesmo sucedeu coa acta da sesión anterior, na que saíu o informe de auditoría. “Nela se omitía moita información importante do que realmente pasou, catro ou cinco parágrafos. A acta tampouco foi aprobada, tamén con ciencuenta e sete votos en contra, unha abstención e dezaseis votos a favor”.

Así e todo, o recurso contra o Consello non é o único asunto sobre o que terá que intervir a xustiza. Colvet Lugo Democrático acusou á presidenta de presentar unha querella falsa contra dous colexiados por inxurias. “A denuncia ven dun pantallazo dunha conversación de whatsapp no que poden participar todos os veterinarios, todos son administradores e todos poden convidar a quen queran. O vicepresidente e unha vogal estaban nel, ata que foron testemuñas para a querella”.

Os dous denunciados foron chamados polo xulgado a un acto de conciliación, mais ratificáronse no dito porque “temos documentos escritos que demostran que dicían a verdade, que a decisión de  modificar as dietas dos compoñentes da xunta de goberno estaba tomada”. As querellas presentadas pola presidenta e a xunta de goberno contra estes dous membros do Colexio de Veterinarios serían, segundo esta versión, falsas. 

“Así figura na acta desde día da xunta de goberno –explica García–, tratábase de modificar os puntos do día da asamblea de xuño do ano pasado para incluír a ratificación dese acordo da xunta, que implicaba cobrar 60 euros en dietas e 90 por gastos de representación”. Armouse un rebumbio no Colexio, o que motivou a retirada desta proposición. “Fixeron unha nova xuntanza antes da asamblea e retiraron ese punto do orde do día, polo que nunca chegaron a cobrar esas dietas, decidiron anular esa decisión. Os denunciados non mentían”. Secasí, CLD decidiu non percorrer a vía xudicial para evitar máis interferencias.

Ana López Pombo, presidenta do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo | Organización Colexial Veterinaria
Ana López Pombo, presidenta do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo | Organización Colexial Veterinaria

“As nosas opcións pasan por facer funcionar o Colexio grazas ás nosas propostas“, asegura. “Cando nos presentamos, levábamos un programa electoral cunha serie de propostas que iremos presentando, convocaremos xuntas de goberno cada vez que poidamos para facer funcionar un Colexio que leva ano e medio parado”. Se finalmente a resolución do xulgado acepta que os cargos políticos son incompatibles coa presidencia do Colexio, como en teoría figura nun artigo dos estatutos, López Pombo terá que deixar a presidencia.

“Cando os tres que nos presentamos por Colvet Lugo Democrático fomos escollidos, presentamos un documento no que afirmamos que non temos vencellamento a ningún grupo político ou sindical”. E solicitan o mesmo do resto de membros da xunta de goberno, aos que piden que cumpran os Estatutos, nos que queda reflictido que é causa de cese o ter algún tipo de cargo orgánico ou executivo nun partido ou nunha administración.

Non é unha situación sinxela de afrontar para estes profesionais. “O colectivo de veterinarios somos autónomos, clínicos que traballamos as 24 horas, e estamos sempre algo desvencellados do Colexio. Non temos o tempo que deberiamos de adicar ao noso colectivo“. Esta complicación é maiúscula para quenes representan ao Colexio. “Estar na xunta de goberno supón adicar horas despois do traballo, xuntas, viaxes, reunións do Consejo General, reunións en Santiago por mor de decisións políticas que nos competen…”.

Esta serie de compromisos supoñen, malia todo, unha oportunidade. “O certo é que este cargo da presidencia é interesante para darse a coñecer. É unha persoa ilustre e que se relaciona con moita xente”. García incide neste aspecto como motivación de López Pombo. “É goloso para quen quere avanzar a nivel persoal en temas que non teñen nada que ver coa profesión. O que pedimos, e que se algún día faremos se chegamos a ter as rendas do Colexio, modificaremos ese artigo para que non queden dúbidas: quen sexa presidente ou presidenta non pode exercer coma político, non pode servir para a promoción persoal”.

O integrante de Colvet Lugo Democrático fala con certo desacougo sobre esta polémica. “Isto non é normal, nunca houbo esta situación non Colexio, con dous bandos. Todos temos responsabilidade en que estea así, eu asumo a miña parte, pero queremos que a outra parte asuma o que fixo mal”. 

“Cada un é libre de mentir e de demonizar a Colvet Lugo Democrático; acusóuseme de estar aquí por odio cara a certo partido, ou porque fun asesor doutro partido… son mentiras flagrantes. Non é agradable que se fale na prensa dos veterinarios por mor disto“, sentenza.

ÚLTIMAS

O BNG propón destinar os 250 millóns de Altri a un plan para revitalizar as comarcas da Ulloa, Ulla e Arousa

A líder do BNG, Ana Pontón, propón que "os 250 millóns de euros que o...

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Rouban a anciáns en Palas de Rei mediante o método do abrazo cariñoso

A Garda Civil de Lugo alertou dun delito de furto co método do abrazo cariñoso tras o roubo...

Denunciados os donos de dous cans que atacaron a un viandante e á súa mascota en Lugo

Axentes da Policía Local de Lugo tramitaron denuncias contra os donos de dous cans que...