Lugo sobe ao carro de Tik Tok para conciencia en igualdade á mocidade

Gravando cun teléfono móbil | ALX

O Concello de Lugo acaba de lanzar unha campaña de igualdade  en Tik Tok, a rede social máis de moda entre os adolescentes. “O obxecto da convocatoria céntrase na reflexión e a capacidade creativa dos adolescentes en canto a igualdade de xénero e as relacións afectivas entre mulleres e homes, así como o rexeitamento e a prevención da violencia de xénero” destacou a edil de Xuventude, Ana González Abelleira, que destaca que se decantou por esta aplicación por estar en auxe entre a mocidade ao longo do confinamento.

A campaña ten como finalidade por enriba da mesa as diferentes desigualdades que aínda existen a día de hoxe entre a mocidade e aqueles roles estereotipados que se continúan a perpertuar polos sesgos de xénero.

Nesta proposta, con contidos animados e frescos, empregaranse persoas con perfís activos en Tik Tok para que sexan protagonistas dos vídeos e poidan promover as mensaxes no perfil creado para este fin @XuventudeLugo.  Realizaranse un máximo de 10 vídeos con 5 tiktokers e 5 liñas temáticas que buscan ilustrar os roles de xénero, a desigualdade e a violencia contra as mulleres. Estas son as cinco: oficios, coidados, entretemento, estereotipos e ciumes.

O concello lembra que os adolescentes e a mocidade son un colectivo especialmente interesante para traballar sobre igualdade, xa que son catalizadores de tendencias e da diversidade, sendo as persoas usuarias maioritariamente mulleres de entre 18 e 24 anos.

Os obxectivos desta campaña son: contribuír a estender o coñecemento sobre igualdade entre a mocidade, poñer en valor a igualdade entre os grupos de idade máis novos e evidenciar a desigualdade real aínda existente na nosa sociedade e  nas nosas contornas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here