Investigados por simular un falso secuestro e pedir 7.000 euros de rescate á familia

Están a ser investigados por simulación de delito e extorsión.

Garda Civil / Garda Civil

A Garda Civil investiga na provincia de Lugo a un cidadán marroquí de 24 anos veciño da capital luguesa e a unha moza residente en Monterroso de 22 anos como presuntos autores dun delito de simulación de delito e extorsión por finxir o secuestro da moza en terras leonesas para cobrar un rescate da súa familia.

Segundo informou o Instituto Armado, a parella extorsionaba aos familiares da rapaza, aos que lles esixían 7.000 de rescate para liberala do suposto secuestro. Porén, a falsa vítima foi localizada na tarde deste mércores en Lugo “en perfecto estado”, polo que as fontes da Garda Civil aseguran que se “desmontou” o presunto secuestro.

Impútanselles os delitos de simulación de delito e extorsión. Ambas persoas foron postas a disposición xudicial. A investigación continúa aberta e a Garda Civil non descarta máis investigados ou detidos nas vindeiras horas.