InicioSociedadeRedondo Abuín: “Non imos ter nada se non é pelexando colectivamente”

Redondo Abuín: “Non imos ter nada se non é pelexando colectivamente”

O represaliado do franquismo e referente do Partido Comunista presenta as súas memorias, retrato persoal de loita a un alto prezo

PUBLICADA O

- Advertisement -

Exiliado, secuestrado, torturado e tiroteado. Xesús Redondo Abuín, nado en Rianxo, é un exemplo de persistencia contra a represión, e tamén de ideais políticos. Durante a ditadura loitou de xeito clandestino e coa democracia iniciou a militancia no Partido Comunista. Con 78 anos chegou o tempo de presentar as súas memorias, Alentos e desalentos dun de tantos, obra prologada por Gregorio Ferreiro Fente que esta entrevista tentou respectar para beneficio do lector. A historia de Xesús xa foi contada, e ben contada, por el mesmo. 

Que deberían extraer os xoves das súas vivencias?

O principal é que, tanto agora como cando comezamos nós ou os anteriores, sempre hai un factor que é loita, loita e loita. Ninguén nos vai regalar nada. Esa é a primeira conclusión que eu saco dende sempre. E logo, está claro que as condicións de vida de hoxe son moito mellores, non é por que si, senón porque costou un huevo conseguilas. Non imos ter absolutamente nada se non é pelexando colectivamente para conseguir os obxectivos de cada momento. Sen esquecer o pasado, sen esquecer o futuro.

Vostede é un de tantos, pero a súa historia é extraordinaria.

Eu son un de tantos porque foron moitos os milleiros de homes e mulleres que quedaron polo camiño incluso, que o pasaron peor ca min porque lles saíu máis caro. No tempo que botei traballando, conseguín pasar varias veces por comisaría; estar máis de catro anos no exilio baixo protección da ONU, en Lieja; sufrín un secuestro  de Estado de medio ano; pegáronme un tiro; e metéronme once anos de cadea. Eu fixen a miña contribución, o que máis tampouco, pero son un de moitos.

Non a todo dios se lle pode esixir o mesmo. Nin tiña fillos nin estaba casado, entón eu podía arriscar máis ca outros que tiñan outras responsabilidades. Por iso podía participar, a onde ía eu, viñan conmigo todos os meus problemas, non deixaba problemas atrás. Iso foi un gran tanto ao meu favor.

Xesús Redondo Abuín, represaliado do franquismo e militante do Partido Comunista, presentou as súas memorias 'Alentos e desalentos dun de tantos' | Óscar Bernárdez
Xesús Redondo Abuín presentou as súas memorias ‘Alentos e desalentos dun de tantos’ | Óscar Bernárdez

Por que custa tanto dirimir responsabilidades entre os dous bandos da guerra civil?

Nos dous bandos houbo atrocidades, pero quen provocou a principal atrocidade, tumbar a legalidade republicana, é o responsable, é o que comezou a guerra. E non o fixo para beneficiar á inmensa maioría da xente, senón para facer valer e impor os seus intereses. Está claro que en períodos de guerra, entre un de esquerdas e un de dereitas, quen utiliza mellor as armas sae gañando. Pero non foi só unha guerra; as barbaridades da esquerda foron anteriores ao 1 de abril de 1939. A orixe de todo foi a sublevación, o desastre maior da historia de España. Un millón de mortos, medio millón de exiliados, douscentos mil fusilados despois de terminada a guerra. As responsabilidades non son as mesmas, nin teñen o mesmo rango.

Franco vai abandonar o Val dos Caídos.

Non o vou a lamentar. O lamentable é que o meteran alí, e do xeito en que o fixeron, para darlle unha protección que non merece. Pero, de todos xeitos, a min o que máis me interesa é que recuperen a todos os que están mordendo o po nas cunetas, ese cento e pico mil que desapareceron. Non están poñendo un patacón para conseguilo.

Estamos a tempo de conseguir unha Lei de Memoria Histórica axeitada?

Estamos a tempo se pelexamos por ela coma é debido. Os socialistas tamén foron moi rácanos de dios, porque foron vinte e un anos os que estiveron no goberno. E a Memoria Histórica podía estar ben resolta, e non o está non por culpa nosa, senón por culpa dos responsables, que non o fixeron.

ÚLTIMAS

Unha certificación turística permitirá protexer o ceo nocturno dos Ancares

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu este luns na Casa do Concello...

O TS confirma que Ana Sandamil matou a súa filla para danar a súa ex parella e pai da nena

O Tribunal Supremo (TS) confirmou a condena de prisión permanente revisable a Ana Sandamil polo asasinato,...

Extinguido un incendio forestal en Guitiriz, que afectou a 8,4 hectáreas

O incendio forestal que permanecía activo desde este domingo no municipio lucense de Guitiriz...

Lugo duplica a compra venda de vivendas

A compravenda de vivendas en Galicia subiu un 38,4% o pasado febreiro, en comparación co...