O coronavirus deixa no aire a celebración do Arde Lucus

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, afirma que a decisión dependerá das garantías de seguridade.

Desfile Arde Lucus 2018 | Óscar Bernárdez

A festa do Arde Lucus podería anularse en próximas datas se a situación provocada pola pandemia do coronavirus non mellora. A edición deste ano está programada para o último fin de semana do mes de xuño, os días 26, 27 e 28, pero a crise sanitaria déixaa no aire.

En declaracións a Europa Press, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, afirmou que, ante a festa de interese turístico, “vai primar a seguridade” á hora de decidir se se celebra ou non. “Estamos aínda a dous meses e medio e temos que esperar”, manifestou, antes de engadir que “dicir non a este tipo de festa ten que ser unha decisión moi meditada”.

O Consistorio lucense aínda non se marca prazos para despexar o futuro do Arde Lucus deste ano, pero Lara Méndez xa avisa de “que se non hai garantías” será preciso “suspendelo”. “A situación cambia cada día e temos que ser cautos”, engadiu.

Finalmente, Méndez recoñeceu que en calquera caso non sería unha decisión “fácil”, por tratarse dunha festa “moi importante para o tecido empresarial e a economía lucense”.