A Deputación pide á Xunta que realice probas de Covid-19 nas residencias de titularidade provincial

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, considera necesario que se fagan "canto antes", como prevención ante posibles contaxios entre traballadores e usuarios.

A residencia da Fonsagrada / Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo enviou unha carta ás consellerías de Sanidade e Política Social para pedir que se realicen test de detección de Covid-19 nas catro residencias de maiores que xestiona o organismo provincial en Trabada, Pol, A Fonsagrada e Ribadeo.

O deputado de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, informou de que se considera necesario facer estas probas “canto antes” tanto a usuarios como a traballadores, como prevención ante posibles contaxios.

Rivera sinalou que a Deputación xa tomou medidas “cada vez máis restritivas e estritas”, pero entende que non son garantía “ao 100%” de control dos contaxios, moito menos se hai traballadores que sexan asintomáticas e poden transmitir igualmente o virus. Entre esas medidas están a supresión de visitas ata a desinfección dos edificios dúas veces por semana.