InicioMovementos sociais"O Orgullo tería que ser unha celebración, pero saímos a manifestarnos"

“O Orgullo tería que ser unha celebración, pero saímos a manifestarnos”

No día do Orgullo LGTBIQA+ analizamos co Colectivo ALAS de Lugo os avances en materia de igualdade e liberdade

PUBLICADA O

- Advertisement -

Marcos Fernández Trigo leva dúas décadas loitando polos dereitos do colectivo LGTBIQA+. Faino dende ALAS Lugo, un grupo constituído a finais dos noventa por redes de amizades, no que acabou involucrándose e dende o que traballa por concienciar e visibilizar a casuística da diversidade identitaria, afectiva e sexual. É un longo camiño, abondo para comparar como cambiou a sociedade de noso e cales son os aspectos a coidar e potenciar. Non é un día calquera: é o Día do Orgullo, 28 de xuño.

Asociacións como ALAS teñen moitos desafíos no día a día, aínda que o apoio institucional contribuíu a aliviar, en parte, a falta de medios. Con todo, endexamais cesaron de realizar videoforums e faladoiros en centros de ensino. Na directiva segue a cerna daquel grupo que recadaba cartos nunha festa o 23-F de 2002, persistente malia a difícil conciliación laboral e familiar. “Vai entrando xente puntualmente”, aínda que lamenta a falta de tempo destes novos integrantes, a maioría estudantes que renovan as ideas do colectivo.

“Seguimos estando os máis vellos porque queda moito que facer. Non chega coa boa intención, fai falla moito tempo”. Marcos recoñece que a situación do colectivo LGTBIQA+ mudou dende que comezou a implicarse. Se ben é certo que os movementos sociais favoreceron a visibilización, e a creación de leis que amparan a diversidade ou o matrimonio igualitario, dende ALAS detectan unha regresión nos últimos anos.

 

Ataques e impunidade

No ano 2000 ía coa miña parella pola Praza Maior collidos da man, a xente nos miraba e non nos dicía nada. A día de hoxe diriannos algo, sofreriamos algún tipo de agresión verbal”, denuncia. As estatísticas da FELGTB (Federación Estatal) e de COGAM (de Madrid), “colectivos que levan toda a vida nisto”, falan dun repunte na violencia contra o colectivo. Máis do 80 por cento das agresións ao colectivo LGTBIQA+ son contra a xente máis visible, os transexuais.

Segundo apunta Marcos, estes ataques proveñen dunha minoría especialmente agresiva. “Se eres homosexual sen pluma, se non se ve, non sofres improperios, eres un máis”. A ameaza chega para quen actúa de xeito natural en público, ou incluso polo mero feito de amosar a realidade do lesbianismo. “As agresións queren que volvamos aos armarios, que sexamos LGTBI dentro das nosas casas”.

En moitos casos, os ataques quedan impunes. “Por confidencialidad non podo falar dos tres casos que temos abertos de hai mes e medio cara aquí. Non queren denunciar para non exporse a un xuízo, que implicaría facer pública a súa condición sexual”. A publicidade dos feitos e o medo a represalias desbotan as acusacións. “Ninguén ten por que revelar a súa condición”.

 

Educar nunha sociedade polarizada

En ALAS non existe un xeito específico de enfocar o apoio ás vítimas. No colectivo entenden que fai falla máis visibilidade dende os medios de comunicación. E sobre todo, educar. Marcos pon o exemplo da asociación ARELAS, o colectivo a prol dos menores trans, para concienciar sobre os casos de acoso con conferencias nos colexios. “En ALAS estamos a preparar un proxecto para presentar aos organismos públicos de cara ao vindeiro curso, para poder falar en institutos, onde suceden as agresións, físicas nalgún caso, pero sobre todo verbais”. “Temos que comezar a educar na casa, falar deste tema, educar aos xoves, que son quenes cambiarán a sociedade”.

A polarización está a ser un agravante. “Temos unha sociedade con extremos políticos, o que inflúe na vida diaria da xente”. As posicións extremas acadadas recentemente tradúcense nunha reversión na tendencia das agresións físicas, que van a máis. “É alarmante”, asegura. “Dende infantil hai que ensinar na pluralidade e a diversidade, non todo é blanco ou negro, hai un arco da vella de cores que hai que respectar”. 

Marcos Fernández Trigo, de ALAS Lugo

“Á xente non lle importa que sexas homosexual, bisexual, andróxino, metrosexual, intersexual… sempre que o manteñas na casa. Non lles gusta que o difundas ou o amoses pola rúa. Mentres sigan agredendo a dúas persoas que van da man, evidentemente queda moito por facer”. Marcos fai un razonamento á inversa: que pasaría se a sociedade obrigase a un heterosexual a cambiar? El teno claro, a condición de cada un vén de nacemento e séntese dende sempre.

 

Unha fronte común

O que sempre é de agradecer é a axuda compartida entre os diferentes grupos tanto do eido LGTBIQA+ como do feminismo. Estamos nun momento de revolución, a folga do 8-M a nivel estatal e internacional, estamos integrados cos grupos feministas, dos que temos moito apoio”.

“Somos unha fronte común”, di, aínda que hai variedade de opinións sobre o mesmo tema. Son ALAS A Coruña, Ultreia, Sete Cores, Nós Mesmas, ARELAS… Galicia é grande, pero as agrupacións das cidades son as que teñen máis membros para poder realizar as actividades. “Cando non o pode facer un, faino outro”, sinala. Algo complicado en Lugo, onde están máis limitados, tamén pola especialización de cada asociación.

“Loxicamente cada un ten a súa materia, a súa especialización”. Cita coma exemplo destas dificultades á atención á T. Os transexuais son os que máis problemas afrontan, coma a integración laboral, ou todo o vencellado ao proceso de cambio de sexo. 

“Son moitos en Galicia, non os suficientes para abranguer todo, pero apoiámonos con información e organización”. Días como o deste 28 de xuño, Día do Orgullo LGTBIQA+, poñen a proba a loxística de cada unha das pequenas células do colectivo. “É o único día que non podemos apoiarnos, porque hai manifestacións en Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense… Por iso Madrid faino cunha semana de marxe, para que os colectivos poidan ir en apoio”.

Para ALAS é importante o progreso en materia legal, pero alertan de que a xurisprudencia é a que ten que marcar as diferencias. “Hai un proxecto de lei para que non teñas que operarte para que reasignen o teu sexo, ou non ter que asistir a un psiquiatra para ser evaluado. Pero non só son as leis, a xurisprudencia inflúe; existe un agravante xudicial por ataques contra o colectivo que non se aplica nas sentenzas”.

 

A importancia das figuras públicas

En Lugo estará este xoves Víctor Gutiérrez, waterpolista internacional, o primeiro deportista de elite que sae do armario. “Tería que pasar no fútbol”, asegura Marcos, orgulloso das figuras das televisión e tamén da política que comentan abertamente a súa condición. Para el existe “un punto de inflexión”, e cita a conformación do novo goberno, de maioría de mulleres e con dous membros que recoñeceron abertamente ser gais, o xa exministro Màxim Huerta e o titular de Interior Grande-Marlaska. “E os que teñen que saír: un de cada cen habitantes é transexual, e un de cada dez é homosexual. Nalgures teñen que estar, pero polas dificultades familiares non o chegan a facer público”.

É paradóxico, sinala, que integrantes de partidos opostos ao matrimonio igualitario, como do Partido Popular, empreguen as novas leis “malia que o seu suposto conservadurismo deberíao impedir”. Con todo, convida a falar con naturalidade deste asunto, en especial os protagonistas da vida pública. Precisamos que sexan máis visibles e normalizalo”.

 

A manifestación

“Queremos visibilizar que estamos aí, que seguiremos loitando, e darlle unha parte festiva ao 28 de xuño. Porque debería ser unha celebración“.

“Queremos respeto, quen queira opine o que queira, pero que se alguén vai pola rúa non reciba miradas, insultos ou agresións por ser natural, que é o que somos”.

 

  • Este xoves día 28, ás 19:00 horas, o membro da Selección Nacional de Waterpolo Víctor Gutiérrez participará nun faladoiro titulado ‘Deporte profesional sen armarios. Dificultades e consecuencias. Será na Sala do Vello Cárcere.
  • Ás 20:30 horas, o bailarín e coreógrafo lucense Juan Carlos Zahera será o encargado de ler o pregón no patio do Vello Cárcere.
  • Ás 21:00 horas, sairá do patio do Vello Cárcere a manifestación do Orgullo HOLI-COLOR pola diversidade. Continuará o percorrido por Campo Castelo, rúa San Pedro, rúa Doutor Castro, Praza de Armañán, rúa Nova, rúa Bispo Basulto, Praza de Santa María, e rematará no Templete da Praza Maior, onde se lanzarán os polvos coas cores da bandeira LGTBI. Para participar, recoméndase levar roupa cómoda e unha camiseta branca.

ÚLTIMAS

Obradoiros de coiro, cerámica e teares para celebrar os ‘Días Europeos da Artesanía’

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, súmase á...

Coñecemos á ‘Galiartesá’, Pepa Lombao, oleira de Bonxe

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns...

O Concello de Lugo defende que os recursos empregados no Ceao foron “suficientes”

A concelleira de Cohesión Social de Lugo, Ana González Abelleira, saíu ao paso das...

Bombeiros dá por extinguido o incendio no polígono de O Ceao e a Policía Científica inicia a súa investigación

Bombeiros de Lugo deu por extinguido este mércores o incendio que calcinou na xornada...