San Xoán, noite de tradicións, ritos e troula a carón do lume

Afondamos nos orixes desta festa que Lugo, no barrio da Piringalla, Guitiriz ou Vilalba celebran por todo o alto

Fogueira de San Xoán | OB

A Noite de San Xoán si que garda misterios. É un evento único, capaz de agrupar un enorme número de tradicións, de encher de lume toda Galicia e aínda así ter algo particular en cada localidade. Para precisar e comprender a orixe desta festa preguntamos á xornalista Patricia Álvarez Casal, que de meigas entende o seu.

Coma tantas outras, a Noite de San Xoán é unha festa con nome cristián e orixe pagana. A ocasión coincide no calendario celta con Litha, o gran solscitio de verán, intre a partir do cal as noites comezan a medrar. Fronte a isto, acendían fogueiras para darlle forza ao sol, nun acto purificador consistente en saltar por enriba do lume e adetrarse no mar.

Con todo, é impreciso afirmar que a noite do 23 de xuño é a máis curta do ano. A orixe destas festas dependía dun calendario lunisolar, xa que o solsticio pode darse entre o 20 e o 22 de xuño no hemisferio norte. Este 2018, produciuse o día 21 ao mediodía, momento no que o polo norte acadou a máxima inclinación cara o noso astro. Antes da corrección do calendario gregoriano adoitaba coincidir co 23 de xuño, do que deriva a confusión.

San Xoán en Galicia

As fogueiras, cachelas ou lumeiradas son as protagonistas desta noite tan nosa. Sobre elas haberá que saltar, seguindo os costumes dos nosos devanceiros, tres veces (pola Trinidade), sete (a totalidade) ou nove (a perfección, tres veces tres). Para amplificar o efecto, cómpre facelo espido. Por suposto, o rito require recitar o conxuro, nas súas distintas versións. A máis común é: Salta por riba / do lume de San Xoán / para que non me morda / cadela nin can / nin bicho vivinte / que ande polo chan.

Por toda Galicia hai diferentes tradicións para a Noite de San Xoán, para protexer as colleitas ou o gando do meigallo. Con todo, un dos rituais repetidos por todo o país é aproveitar as propiedades terapéuticas –hai quen di que máxicas– de varios tipos de herbas. Recollidas na véspera e deixadas á rosada da noite, a auga das recendentes herbas de San Xoán non pode faltar durante o baño.

As principais son sete, como sete teñen que ser as fontes da auga na que deberán reposar: o fiuncho, o fento macho, o codeso, a abeloura, a malva, o romeu e a herba luísa. Amais das cualidades medicinais, cada unha conta cun beneficio único desa noite, para espantar ás meigas, quitar o mal de ollo, protexer o fogar ou atopar o amor. Na mañá de San Xoán, o primeiro será lavar a faciana coa auga das herbas.

Durante a celebración do solscitio de verán hai outras crenzas, pero o que nunca falla é a comida. En toda a costa e tamén no interior de Lugo é típica a sardiña á brasa acompañada de cachelos. No barrio lucense da Piringalla non pode faltar o becerro ao espeto. De postre, orellas e chulas. E sen esquecer a indispensable queimada co correspondente conxuro.

Na provincia de Lugo

En Guitiriz a festa abrangue do venres 22 ao luns 25, coa tradicional sardiñada na noite de San Xoán no Campo da Feira, a partir das 21.30 horas, coa animación a cargo da verbena Venezia e Los Satélites.

En Vilalba tentarán espantar as meigas cun espectáculo floral, que decorará precisamente a praza de San Xoán. Durante todo o día 23 haberá pregón, sesión vermú e teatro, antes de pór as sardiñas na brasa ás 21.00 horas.

En Lugo, a Festa do Becerro ao Espeto da Piringalla comezará ás 21.15 horas na Praza Frai Xosé Gómez. A preparación irá a cargo do grupo folk Xesta Verde e haberá unha degustación de 3.500 racións da mellor tenreira rubia galega.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here