Lugo acolle unha homenaxe a ‘Milucho’ e aos “precursores do nacionalismo agrario”

A Federación Rural Galega (Fruga) celebra a súa terceira asemblea en Lugo en conmemoración do seu décimo aniversario.

Mobilización de Fruga | LX

A Federación Rural Galega (Fruga) celebrará o vindeiro sábado, 1 de febreiro, a súa terceira asemblea en Lugo, na que conmemorará o décimo aniversario do nacemento desta organización. No acto tamén se renderá homenaxe aos “precursores do nacionalismo agrario galego”, como Emilio López Pérez ‘Milucho’.

O lema escollido para esta xuntanza, ‘Dez anos na Defensa do Rural Galego’, deixa entrever cal será o ton xeral da asemblea, na que tamén se renovarán os órganos de dirección do sindicato agrario.  O coordinador en Lugo e un dos organizadores, Elías Somoza, confirmou que será o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o que albergue dito encontro, onde se debaterá un relatorio “sobre o futuro do rural galego”.

NA LEMBRANZA DO SINDICALISMO DE FINS DO FRANQUISMO

Ademais, a asemblea servirá para render homenaxe “a aquelas persoas que foron os precursores do nacionalismo agrario galego, daqueles que fundaron Comisións Labregas”, sinalou. “Aqueles que na última etapa do franquismo fixeron un gran traballo organizado e constituíron os primeiros núcleos agraristas tras a Segunda República”, destacou.

Entre as figuras homenaxeadas, destacaron a Emilio López Pérez ‘Milucho‘, un dos fundadores de Comisións Labregas, que tamén foi deputado autonómico co BNG e delegado de Medio Rural en Lugo durante o bipartito.

“Vai ser a figura central desta homenaxe. Logo farase unha comida (no Pazo) onde se vai lembrar a importancia daquel sindicalismo que se realizou nos setenta ou principios dos oitenta, que foi cando se deron as grandes mobilizacións como a que se organizou contra a cota empresarial“, concluíu Somoza, outro dos fundadores de Fruga.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here