O Colexio de Psicoloxía reclama “apoio e protección integral” ás vítimas tras o crime da Pastoriza

Piden que se reforcen as medidas preventivas, especialmente nas idades máis temperás.

Manifestación contra a violencia de xénero | Miguel Núñez
Manifestación contra a violencia de xénero / © Miguel Núñez

O Colexio oficial de Psicoloxía de Galicia expresou este luns a súa “máis rotunda condena” ao asasinato machista ocorrido este fin de semana na Pastoriza e volveu reclamar “políticas de apoio e protección integral” ás vítimas da violencia de xénero.

Nun comunicado, o colexio subliñou o “total rexeitamento a calquera tipo de violencia psicolóxica, física ou sexual contra a muller”. “É fundamental que, como sociedade, especialmente os seus responsables da Administración, contribuamos a pór fin a este grave problema social”, engadiu.

A prevención, indicaron os responsables do colexio, é “o mecanismo real para pór fin á violencia contra as mulleres e, así, desterrar condutas que permanecen na sociedade e que perpetúan os malos tratos á muller”.

“Desde a psicoloxía, reclamamos unha maior incidencia nas medidas de carácter preventivo e de intervención psicolóxica, especialmente nas idades máis temperás, para erradicar estereotipos machistas e desigualdades que sustentan a violencia contra a muller”, conclúen.