Convenio a tres bandas para financiar o saneamento e depuración de augas de Meira

A Deputación e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil investirán un total de 570.000 euros en dúas anualidades.

Rolda de prensa tras a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo.

A Deputación de Lugo aprobou un convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e o Concello de Meira para “colaborar” no financiamento do saneamento e mellora da depuración de augas neste municipio. As actuacións supoñen un investimento de 570.000 euros en dúas anualidades.

O deputado provincial de Promoción Económica, Pablo Rivera, concretou que a Deputación “financiará as actuacións por unha contía máxima de 114.000 euros”, dos que 68.300 son a cargo do orzamento vixente e 45.700 irán a cargo da anualidade 2021. O resto achegaraos a Confederación, tamén en dúas anualidades.

Os traballos tradúcense “na rehabilitación e impermeabilización dun total de sete pozos de rexistro, executado no 2009, e sobre todo a execución dun novo colector”, destacou o deputado de promoción Económica.

“Son unhas actuacións moi demandadas desde hai tempo polos veciños e veciñas e polo seu alcalde. Isto vén a demostrar unha vez máis é a importancia que ten a colaboración e cooperación institucional, que queda demostrada nun convenio como este a tres bandas”, subliñou Pablo Rivera.

ÉXITO DO PROGRAMA ‘PRENDE’

Noutra orde de cousas, sobre o programa de emprego ‘Prende, bota raíces non rural”, Rivera destacou o “éxito de participación”, con 90 beneficiarios que solicitaron para 59 prazas.

Agora, concretou, iníciase “o proceso de selección” e informarase aos solicitantes “que teñan algunha falta de documentación” que posúen de prazo ata o sete de febreiro para poder emendala.