Desarticulan unha banda criminal dedicada aos roubos con forza en establecementos de Lugo e León

Esta organización roubou en varias naves industriais relacionadas co sector alimentario e en locais hostaleiros. Previamente, subtraían coches que empregaban para impactar contra o escaparate dos establecementos.

Un dos vehículos empregados pola banda desarticulada. GARDA CIVIL

A Garda Civil de León, no marco da denominada ‘Operación Ibéricos’, detivo a tres persoas en Madrid e en Lugo, e investiga a outras dúas, pola súa integración nunha suposta organización criminal dedicada á comisión de roubos con forza en naves industriais vinculadas ao sector alimentario, así como en establecementos públicos de hostalaría.

A investigación comezou o pasado mes de xuño cando se produciu o roubo dunhas 500 paletas ibéricas, valoradas en 32.000 euros, no almacén dunha empresa situada na comarca leonesa do Bierzo. Previamente, ese mesmo día subtraéronse na provincia da Coruña dous vehículos nun negocio de compravenda de turismos, que foron utilizados para desprazarse ao lugar do roubo.

Entre agosto e decembro de 2019, os membros desta mesma organización efectuaron roubos en 15 establecementos públicos de concellos de León. Ademais da recadación do negocio e, nalgúns casos, das máquinas expendedoras de tabaco e de tipo comecartos, foron subtraídos numerosos billetes de Lotaría Nacional, televisores e outros dispositivos de tipo electrónico.

ROUBO DE TURISMOS

Para levar a cabo todos os feitos delituosos, previamente subtraían turismos, case todos eles da marca e modelo Seat León. Os vehículos utilizábanse para impactar contra o escaparate dos establecementos e proceder ao roubo. Máis tarde, calcinaban e abandonaban os coches.

Unha vez determinada a identidade dos principais “xefes”, establecéronse sobre eles medidas xudiciais que permitiron identificar outros membros da organización e vincular a súa autoría a un roubo cometido no mes de decembro nunha queixería de Lugo. Alí, foron subtraídas 6.530 pezas de queixo cuxo valor no mercado superaría os 42.000 euros, e para cuxo transporte utilizaron un camión con remolque que roubaran na mesma provincia lucense.

DETENCIÓNS EN DÚAS FASES

As detencións foron practicadas en dúas fases, entre os meses de decembro e xaneiro, en Madrid e en Lugo, como sinalaron fontes da Subdelegación do Goberno a Europa Press.

Así mesmo, procedeuse á realización de dúas entradas e rexistros nos domicilios dos xefes da organización en Lugo e interviñeron varios décimos de lotaría subtraídos, diñeiro en efectivo, dous teléfonos móbiles, unha arma branca prohibida e un cargador de arma curta con munición do calibre 22, entre outros efectos de interese que están a ser analizados.

A Operación Ibéricos foi desenvolvida pola Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de León e pola área de Investigación do Posto Principal de Bembibre (León), co apoio da Unidade Orgánica de Policía Xudicial de Lugo e dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Nº 6 dos de Ponferrada (León).