Haberá posibilidade de prórroga por 5 anos nos locais da Tinería

Esta ampliación poderá engadirse aos catro anos de aluguer inicial – Ante a expectativa, o martes 26 haberá outra xornada de portas abertas

Lara Méndez Tinería Locais Comerciais
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a xornada de portas abertas dos locais comerciais do barrio da Tinería | OB

Este xoves tivo lugar a primeira xornada de portas abertas nos locais comerciais da Tinería. Este viveiro de empresas é unha iniciativa do Concello de Lugo e será xestionado polo CEI Nodus. Como novidade, a alcaldesa Lara Méndez confirmou que haberá prórrogas no aluguer destes espazos, deixando a porta aberta a medidas “a medio e longo prazo” para que os negocios podan establecerse de xeito definitivo neste histórico barrio.

Méndez indicou que xa se poden solicitar os locais. A xornada tivo por obxectivo “que a xente visualice cales son os locales e cal é o seu estado, tal e como nolos entregou a Xunta”, para que poidan plantexar “a idea de proxecto que teñen”. O Concello ten un aluguer por cinco anos, pero o tempo de xestión obriga inicialmente a arrendar os locais por menos tempo, catro anos.

Logo haberá dereito a prórroga por outros cinco, “para que poida ter continuidade o negocio, e despois, a medio e longo prazo, veremos as opcións que se van dando para que realmente asenten e poidan dinamizar social e economicamente o barrio, que é o obxectivo que procuramos ademais de fomentar a xeración de emprego”

Sendo unha administración sen competencias en emprego, onte aprobamos en xunta de goberno un plan de emprego que servirá para solicitar, con fondos europeos, 2 millóns de euros; e outros dous obradoiros solicitados á Xunta de Galicia, por máis de 400.000 euros; e nos orzamentos levamos 3 millóns de euros para o fomento de emprego”, defendeu a rexedora. “O compromiso do Concello na formación e nas alternativas de emprego é clara e manifesta”.

Primeira xornada de portas abertas nos locais comerciais da Tinería | OB

Sobre o tempo que se demorará o peche do proceso e a correspondente apertura dos espazos comerciais da Tinería, a alcaldesa dixo que “dependerá de cada local, ao meñor non teñen o mesmo ritmo, porque as ideas e os ritmos non son os mesmos”. “As bases están publicadas dende o día 18 no Boletín Oficial da P, e unha vez finalizado o prazo haberá que evalualo na comisión recollida nas bases, avaliar os procesos… a adxudicación pode ser relativamente pronta, para comezos de curso poden estar xa adxudicados, xa logo dependerá dos arranxos de cada caso”.

Preguntada polo desembolso que deberán afrontar os adxudicatarios para acondicionar os locais, un dos aspectos polémicos da iniciativa, Méndez afirmou que “por iso os alugueres son case testimoniais; estamos a falar de que o máis custoso é de 72 euros ao mes”. “O investimento inicial tería que facerse en calquera outro lugar, pero nós facilitamos locais, nun barrio que queremos que se dinamice, a un coste simbólico. Hai un local por 10 euros mensuais”, explicou Méndez.

“É chamativo, o Partido Popular –continou acerca das críticas desta formación–, quen quería vender os locais ao mellor postor, cunha poxa, sen saber cal sería o destino final, se abrirían ou terían repercusión e beneficio para o barrio”. Segundo a máxima responsable do goberno local, os espazos comerciais da Tinería “poderían terse convertido en simplemente almacéns, ou locais de venres a domingo. Nós non queriamos iso e fixemos o que non fixo a Xunta, que é a que ten os locais e as competencias de dinamización. Pero nós temos gañas de xestionar e queremos o mellor para a nosa cidade, por iso non miramos de quen é a competencia”.

Ante o interés e a demanda xerados –arredor de setenta persoas visitaron os locais este xoves–, o executivo municipal decidiu abrir de novo os inmobles o vindeiro martes, de 16.00 a 20.00 horas. Os interesados poderán presentar a solicitude ata o día 12 de xullo.

As condicións, aquí

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here