Un home acepta dous anos de cárcere e dez de afastamento por abusar dunha menor

Defensa e fiscalía chegaron a un acordo previo á celebración do xuízo.

Xulgados | Arquivo

O acusado dun delito de abusos sexuais a unha menor de doce anos aceptou unha pena de dous anos de cárcere e dez de afastamento. A súa defensa chegou a un acordo coa fiscalía antes do xuízo que se ía a celebrar este xoves na Audiencia Provincial de Lugo.

Nas súas conclusións previas neste proceso incoado por un xulgado de Viveiro, o ministerio fiscal pedía catro anos de prisión e 14 de afastamento para este home acusado dun delito de abusos a unha menor, de cuxa familia era amigo o acusado.

No seu escrito, a fiscalía sinalaba que, en “data non determinada pero en todo caso antes do verán de 2017” e “co “propósito de obter unha satisfacción sexual”, o acusado comezou a tomar determinadas partes do corpo da menor, “tentou bicala repetidas veces nos beizos, pedíndolle que lle tocase as súas partes”.  “Desta forma produciuse contacto corporal con significación sexual e inconsentido pola menor en canto non tiña nin a madurez mental nin a formación adecuada para iso”, consideraba a fiscalía.

O avogado Ignacio Bermúdez confirmou a “conformidade”, da que resultan dous anos de prisión e dez de afastamento da vítima, así como unha indemnización de 4.000 euros. Ao carecer de antecedentes penais, o acusado non entrará en prisión, o que foi determinante á hora de alcanzar un acordo coa fiscalía, tal e como expuxo o avogado.

A defensa recoñecía que estaban “satisfeitos” coa conformidade, tendo en conta que “poderá facer vida normal”. “El tamén ten unha filla pequena e ten que alimentala e ten que traballar, loxicamente sempre hai intereses que pesaron sobre outros e era un risco que se celebrara o xuízo”, apuntou.