Profesionais do HULA denuncian saturación en Urxencias, pero o Sergas non ve “ningún problema”

Os sanitarios critican a "desorde organizativa", que provoca "amontoamento de pacientes" na unidade de observación. Ademais, tamén apuntan á falta de camas. Dende Sanidade desmenten esta situación.

Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) | Grupo San José
Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) | Grupo San José

O servizo de Enfermería de Urxencias do Hospital Lucus Augusti fixo chegar un comunicado á Dirección da Xerencia do EOXI de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos para esixir “actuacións” respecto ao “amontoamento” de pacientes nesta unidade. Aseguran que a “desorde organizativa” está a causar “gran carga de tensión” ao persoal.

Segundo explica o texto dos profesionais sanitarios, “o ingreso dos pacientes non conta coas mínimas garantías de calidade asistencial” polas “dinámicas habituais” da unidade. Ao seu xuízo existe unha gran dificultade para “facer un control adecuado de seguimento de Urxencias”, complicacións que veñen dadas polo “amontoamento dos pacientes” nas Unidades de Observación que non pasan á hospitalización.

DÚAS VISIÓNS CONTRAPOSTAS

É dicir, a saturación “non se debe a unha maior afluencia de persoas”, senón á “falta de saída de pacientes cara á unidade de hospitalización”. Din que é habitual a falta de camas na unidade de observación e mais na de hospitalización.

A este respecto, a dirección do HULA asegura que “a unidade de observación non se usa para o ingreso de pacientes” e que o tempo que os doentes pasan neste servizo ata chegar a planta “determínao o médico”, aínda que outras persoas son directamente dadas de alta pola súa situación.

O Sergas, pola súa parte, negou a situación denunciada polos profesionais e asegurou que “o servizo de Urxencias funciona á perfección”. Tamén desmenten o referido á ausencia de camas e afirman que “non hai ningún problema”.

NECESIDADE DE INTERVENCIÓN

En todo caso, dende o servizo de Enfermería de Urxencias queren que interveña a dirección de xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte. A ausencia desta actuación pode “provocar situacións de perigo real” para todas as partes.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here