InicioEconomíaA Deputación adianta 66.000 euros para cubrir os impagos que sofren as...

A Deputación adianta 66.000 euros para cubrir os impagos que sofren as traballadoras da limpeza

A concesionaria do servizo de limpeza non lles ingresou as nóminas de dous meses a un total de 26 traballadoras. O goberno provincial acordou abonarlle á empresa unha factura pendente, que posibilitará unha "cesión de crédito" ás empregadas para cubrilas economicamente.

PUBLICADA O

- Advertisement -

A Deputación de Lugo adiantará 66.000 euros á empresa concesionaria da limpeza para cubrir economicamente as 26 traballadoras cuxas nóminas non foron pagadas durante dous meses. As empregadas tampouco percibiran a cantidade referida á extra de decembro.

Así o comunicou a voceira socialista do goberno provincial, Pilar García Porto, tras a xunta de goberno deste venres 10 de xaneiro. “É unha solución temporal” que “vai permitir ter un tempo para buscar unha solución beneficiosa para ambas partes”, dixo. “É dicir, que non sexa máis dificultosa economicamente para a empresa e que permita que as traballadoras teñan o diñeiro que se corresponde coas súas nóminas”, puntualizou.

A DEPUTACIÓN NON ESTÁ PAGANDO AS NÓMINAS

Nese sentido, Porto quixo aclarar que a Deputación non está pagando as nóminas das traballadoras, xa que non existe unha relación laboral entre esta institución e o colectivo. O que fai actualmente é “mediar” para que a empresa permita abonar unha cantidade que coincide, xustamente, cos salarios das traballadoras. “Pero non en concepto de nómina”, insistiu.

A empresa, que alegou dificultades económicas, ten varias facturas pendentes de pago por cuestións “alleas á vontade da Deputación”. Así pois, o ente provincial acordou con ela o ingreso da factura do mes de decembro, que posibilitará unha “cesión de crédito” ás empregadas.

Desta maneira, ese montante de diñeiro procedente da Deputación non irá parar directamente á empresa, senón que se destinará ás traballadoras, en virtude do asinado nun acordo entre o goberno provincial e a compañía.  “Calculamos que poderán ter ese diñeiro nuns dez ou doce días”, sinalou Pilar García Porto.

En total, a empresa debe 66.160 euros a 26 traballadoras. Esta cantidade correspóndese cos nóminas de dous meses, así como coa paga extra de Nadal.

NON SE PODE RESOLVER O CONTRATO

Respecto dunha hipotética resolución de contrato como solución deste problema, a voceira socialista deixou claro que agora mesmo “non se dan as circunstancias necesarias” para facelo. Así e todo, asegurou que esa tampouco é a súa “aspiración”, senón a de dar unha solución boa para todas as partes e cubrir as traballadoras para que non deixen de percibir o salario. De aquí en diante, as decisións da Deputación en relación coa empresa dependerán da “evolución” que amose a súa situación económica.

ÚLTIMAS

Altri reúnese coa Asociación Agraria de Galicia e reivindica a sustentabilidade ambiental do seu proxecto

Membros do equipo directivo de Greenfiber (Altri), a compañía que proxecta unha fábrica de...

Ángel Pérez, novo alcalde de Guntín con 27 anos

O pleno do Concello de Guntín elixiu na tarde deste mércores como o seu...

Feridas varias nenas ao ceder unha randeeira nun parque do Club Fluvial

Varias nenas resultaron feridas o pasado fin de semana na cidade de Lugo ao...

Identificado un veciño de Lugo por danar un bolardo e quitar outro porque dificultaba o xiro para entrar na súa propiedade

Axentes da Policía Local de Lugo levantaron acta por danos na vía pública e...