Multa de 480 euros e seis meses sen animais para unha parella por malos tratos ao seu can

O animal estivo encerrado nunha vivenda durante meses e atopábase malnutrido.

Xulgados | Arquivo

Unha parella foi condenada a 480 euros de multa –240 euros cada uns– e a seis meses de inhabilitación para ter mascotas por un delito de malos tratos animais ao can (Yanko) co que convivían nunha vivenda da rúa Xulia Minguillón de Lugo.

No fallo, con data do 16 de decembro, acórdase tamén o “comiso definitivo” do can, á vez que se impón aos responsables o pago das costas procesuais. A denunciante fora a Sociedade Protectora de Animais de Lugo e contra a sentenza cabe recurso de casación.

Nunha sentenza de seis folios, o maxistrado de reforzo do xulgado de instrución número un considera acreditado que a parella tivo ao can encerrado durante meses sen saír á rúa, así como en condicións de malnutrición.

O condenado aseguraba na súa declaración ante a Policía que residía coa súa parella “como ocupa nesa vivenda”, mentres o can “non sae nada á rúa e fai as súas necesidades no patio traseiro do edificio e ás veces nalgunha habitación”. Deste testemuño dedúcese que “os denunciados tiñan ao can sen saír da vivenda á rúa, nin sequera para facer as súas necesidades”.

Outra das testemuñas describiu “que os excrementos (do can) que había dentro da vivenda eran de varios meses e estaban resecos”. Así, queda “acreditado o risco de menoscabo ou prexuízo” á integridade física do animal, “como é a patoloxía psíquica de fobia social e medo intenso”.

AVISO DUNHA VECIÑA

Entre outras declaracións, tómase en consideración a dunha muller “que vía un can todos os días, aparentemente ben. Víao pasar e estaba só á beira da xanela”, pero despois observábao “desnutrido, fraco e tamén tiña moscas grandes e gordas, sempre só, sen comida”.

Á vista deste escenario optou por avisar á Policía Local, que lle dixeron que “se encargaban eles”. Despois escoitou “un golpe moi forte, entraron os policías e o can saltou pola xanela, caeu e case o atropelan”.