Penas de ata 15 anos para os acusados de obrigar mulleres a prostituírse en Lugo

O xuízo terá lugar o vindeiro martes na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo.

Audiencia Provincial de Lugo | Google
Audiencia Provincial de Lugo | Google

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo acollerá este martes, día 19 de novembro, o xuízo contra catro acusados de obrigar mulleres estranxeiras sen permiso de traballo a exercer a prostitución nun club de alterne de Lugo.

O Ministerio público atribúe aos presuntos autores, FJ.R.F, E.J, F.G.C. E LM.S.S. penas de entre oito anos e medio e 15 anos de cárcere por delitos de prostitución, contra os dereitos dos traballadores e trata de seres humanos.

No seu escrito de acusación, a fiscalía asegura que os acusados actuaban con “ánimo de enriquecemento ilícito” mediante a explotación do exercicio da prostitución por parte de diversas mulleres de nacionalidade estranxeira.

Os procesados, conforme apunta o Ministerio público, obrigaban a prostituírse ás mulleres que se atopaban nunha “apurada situación económica, persoal e familiar” e carecían de opción “de contravir as normas dos acusados”.

Así mesmo, sinala que obrigaban ás mulleres a entregarlle a maior parte do diñeiro que gañaban cos servizos prestados e facíanlles exercer a prostitución mesmo durante “os períodos de menstruación”.

Ademais, a fiscalía acúsaos de someter as mulleres a un “estrito control persoal”, impóndolles sancións económicas se saían do local no que exercían a prostitución. “Padecían condicións de traballo, de conduta e de convivencia no local de extraordinaria dureza, encamiñadas a obter as maiores ganancias posibles pola súa actividade”, apunta o Ministerio público.

Por todo iso, a fiscalía solicita para as acusados penas de entre 8 anos e medio e 15 de prisión para os acusados, así como unha indemnización para dúas vítimas.