Os xardíns de Praza Maior de Lugo, “literalmente arrasados” tras unha actuación

Foi tras unha actuación do Combo Dominicano nas festas patronais de San Froilán.

Traballos de reparación nos xardíns da Praza Maior / Concello de Lugo.

O concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, confirmou que os xardíns da Praza Maior de Lugo quedaron onte “literalmente arrasados” como consecuencia da gran cantidade de xente que se congregou para presenciar en directo a actuación do Combo Dominicano nas festas patronais de San Froilán.

“A valoración económica dos danos, nunha primeira estimación, rolda os 2.600 euros”, dixo o edil, quen deu orde esta mañá de “iniciar canto antes “os traballos de reparación da Praza Maior e a reposición das plantas e as flores” arrasadas.

Segundo Santos, “o balance é desastroso”, porque os sebes quedaron “devastados” e as “roseiras e begonias, directamente desapareceron”, á vez que foron arrincadas “ramas dos magnolios centenarios” que decoran a principal praza da cidade de Lugo, en pleno corazón do centro histórico.

O concelleiro recoñeceu que algunhas das especies arrasadas xa non poderán ser repostas “por falta de stock”, pero aínda así deixou claro que “o obxectivo” do goberno local é “limpar e acondicionar a Praza Maior o máis axiña posible, para non prexudicar a imaxe da cidade nunha fin de semana na que, por mor das festas patronais, espérase unha gran afluencia de público”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here